Universo Hitchcock
Do 17 de setembro de 2019 ao 28 de xaneiro de 2020
“Esqueceuse por que Joan Fontaine se debruza ao bordo do acantilado e que é o que Joel McCrea ía facer a Holanda. Esqueceuse a conto de que Montgomery Clift garda eterno silencio e por que Janet Leight parou no motel Bates, e por que Teresa Wright está aínda namorada do tío Charlie. Esqueceuse que Henry Fonda non é completamente culpable e por que exactamente o goberno americano contratou a Ingrid Bergman. Mais, lembrámonos dun bolso. Mais, lembrámonos dun autocar no deserto. Mais, lembrámonos dun vaso de leite, das aspas dun muíño, dun cepillo. Mais, lembrámonos dunha fileira de botellas, dun par de lentes, dunha partitura de música, dun feixe de chaves. Porque a través deles e con eles Alfred Hitchcock triunfou alí onde fracasaron Alejandro, Julio César, Hitler, Napoleón… Tomar o control do universo… tomar o control do universo.”
Jean-Luc Godard, “Episodio 4a, El control del universo”, Histoire(s) du cinéma, 1998.
“O cine —especialmente o cine de Hitchcock— é un medio de expresión artística comercial. As películas de Hitchcock son —polo xeral— populares: en realidade algunhas das súas mellores películas (La ventana indiscreta, Psicosis) figuran entre as máis populares. Disto se desprende a suposición xeneralizada de que, non importa que ‘enxeñosas’, ‘tecnicamente brillantes’, ‘entretidas’, ‘cativadoras’, etc. poidan ser, non poden tomarse en serio do mesmo xeito que tomamos en serio, poñamos por caso, as películas de Bergman ou Antonioni. As de Hitchcock deben ser, se non absolutamente malas, cando menos fatalmente defectuosas desde un punto de vista serio. E a quen adopta este criterio resúltalle bastante doado sinalar todo tipo de ‘concesións á venda de entradas’, compromisos fatais cun gusto popular corrompido: Hitchcock recorre unha e outra vez ao xénero do suspense en busca de material; xeneralmente utiliza estrelas consagradas que son ‘personalidades’ primeiro e actores despois: na súa obra hai un marcado elemento de humor, gags e ‘alivio cómico’ que efectivamente socavan calquera pretensión de seriedade sostida no ton. Para alguén cuxa formación sexa primordialmente literaria, estas obxeccións evocan decididamente algo moi coñecido. Un recorda o xénero ‘comercial’ —e na súa época intelectualmente desprestixiado— do drama isabelino; pensamos naqueles correctores de textos que desexaron eliminar a escena de Porter de Macbeth porque o seu ton de comedia festiva é incompatible co ambiente de traxedia; nas queixas do doutor Johnson sobre a fición de Shakespeare aos ‘xogos de palabras’ e os conceptos rebuscados; nas críticas de Robert Bridges ás escenas festivas en obras como Measure for Measure. O razoamento, en todos estes casos, era basicamente o mesmo: Shakespeare permitiuse esas lamentables desviacións da seriedade sublime só para dar gusto ao ‘vulgo’; ou, se nos resulta imposible admitir tal cousa, podemos consolarnos coa reflexión de que talvez foron interpolacións debidas a algunha outra persoa.
Agora ben, non nos interesa negar as imperfeccións de Shakespeare e tampouco as de Hitchcock. En efecto, unha das obxeccións de peso que cabe facer a moitas das eséxeses francesas de Hitchcock nos nosos días é que os autores tenden a partir do suposto de que o seu heroe non pode trabucarse, e deixan de facer as distincións necesarias entre diferentes obras ou de admitir ocasionais fracasos de realización nalgunhas obras. Tal enfoque fai moito dano, posto que erixe entre o artista e o seu público barreiras moi difíciles de derrubar: non se responde de primeira man a unha obra de arte se esta é abordada en actitude de veneración exenta de crítica. Mais do que non desexamos despoxar nin a Shakespeare nin a Hitchcock é precisamente da riqueza que a obra de ambos a dous deriva do sentido de contacto vivo cun amplo público popular. Desexar que as películas de Hitchcock fosen como as de Bergman ou Antonioni equivalería a desexar que Shakespeare fose como Corneille (que foi o que desexaron en realidade os seus críticos do século XVIII). Isto non implica falta de respecto a Corneille (nin a Bergman ou Antonioni) que pode ofrecernos experiencias que Shakespeare non pode darnos; o que quere implicar é que Shakespeare pode ofrecernos experiencias máis ricas, e que se dalgún modo eliminaramos toda pegada de atractivo ‘popular’ de Shakespeare e Hitchcock, daquela perderiamos a Shakespeare e a Hitchcock.”
Robin Wood, El cine de Hitchcock. México, D.F., Ediciones Era, 1968, pp. 10-11.