Arquivo

Un dos obxectivos fundamentais da Filmoteca de Galicia é a salvagarda de todos aqueles documentos cinematográficos, videográficos e fotográficos que constitúen o patrimonio audiovisual galego definido tanto polos seus valores artísticos como polos documentais. O Departamento de Arquivo e Documentación ten ao seu coidado a conservación, preservación, restauración e catalogación dos fondos propios da Filmoteca, así como a localización e recuperación de materiais dentro e fóra de Galicia susceptibles de se cualificaren de interese para a cultura galega.

A Filmoteca de Galicia conserva nos seus fondos tanto materiais en soporte cinematográfico como en soporte magnético (vídeo, son, etc.) ou dixital e todo o que se poida definir como “imaxe en movemento” con independencia do soporte. Os especificamente fotográficos teñen unha consideración diferenciada conforme as dinámicas particulares de catalogación, conservación e consulta.

A procedencia dos fondos que forman a colección da Filmoteca é variada. Por unha parte, en canto aos proxectos subvencionados pola Xunta de Galicia, existe o depósito obrigatorio de copias; por outra, a través de depósitos ou doazóns efectuados por asociacións, empresas ou particulares, intercambios con outros arquivos, tiraxes ou compra de copias ou os plans de recuperación establecidos desde o propio centro. As produtoras galegas, sensibilizadas ante os retos de conservación, depositan con frecuencia os seus fondos na Filmoteca de Galicia e, deste xeito, garanten un correcto almacenamento con criterios homologados.

Arquivo

Cine

Os fondos en soporte cinematográfico (curtametraxes e longametraxes) chegan ás 3524 copias, correspondentes a 3042 títulos. As películas máis antigas conservadas no arquivo da Filmoteca —Zuma (Baldassare Negroni, Italia) e Botadura del Alfonso XIII (Ibérico Films, España)— datan de 1913.

O centro atesoura unha base de datos coas fichas das películas argumentais e documentais producidas ou relacionadas dalgún xeito con Galicia, quer sexan, quer non sexan de produción galega. Nesta base, actualizada periodicamente, indícase se a Filmoteca de Galicia conserva copia dos títulos buscados nos seus arquivos.

Vídeo

Os fondos conservados en soporte videográfico profesional alcanzan as 12000 copias, correspondentes a 11629 títulos, inclusive toda a produción subvencionada pola Xunta de Galicia e gran parte das producións propias do desaparecido Arquivo da Imaxe de Galicia (1984-1985). O fondo posúe ademais 3052 títulos en formato VHS e 8825 títulos en soporte dixital —para a súa consulta a nivel histórico ou educativo— que inclúe as películas máis destacables da historia do cine e da produción audiovisual galega.

Carteis

O arquivo inclúe unha colección de 10805 carteis de películas galegas, españolas e estranxeiras, ademais dos relativos a certames de fotografía e festivais de cine e vídeo de Galicia. Todo este material está catalogado, disposto en arquivadores homologados e sistematizado.

Documentación

Inclúe a documentación xerada polo centro na súa actividade —principalmente administrativa—, os expedientes de axudas ao sector audiovisual da Xunta de Galicia e series sobre cineastas e fotógrafos galegos; destacan fondos como o do director galego Amando de Ossorio, o que atinxe ao cine galego entre 1970 e 1990 e de fenómenos culturais como o cineclubismo.

Fotografía

A Filmoteca vén conformando un fondo de fotografía histórica e contemporánea galega que, no posible e sempre coa limitación dos recursos económicos, sente as bases dunha panorámica da fotografía en Galicia dentro do marco dunha institución pública. Este fondo contou desde o comezo cunha pequena colección, herdada do Arquivo da Imaxe, que se viu acrecentada no tempo con outras copias e placas de fotógrafos históricos ata formar un conxunto de máis de 59 370 unidades. O fondo complétase con series de fotografía contemporánea galega. Na actualidade pódense consultar en bases de datos informatizadas as imaxes dos fondos Pedro Ferrer e do Arquivo Mas, ademais de todas as exposicións de fotografía producidas pola Filmoteca como as de Jean Dieuzaude, Bernard Plossu, Manuel Vilariño, Vari Caramés, Pedro Brey e Ramón Dimas, entre outras.

Como apartado complementario para unha análise documental e histórica, integrouse no fondo a obra de fotógrafos galegos en soportes non fotográficos, como son as tarxetas postais, os libros gráficos e as edicións realizadas coas diferentes técnicas de impresión fotomecánica.

Fondo Julio Cortázar

A Xunta de Galicia recibiu en 2005, para a súa definitiva conservación na Filmoteca de Galicia, o fondo fotográfico e fílmico do escritor arxentino Julio Cortázar grazas á xenerosidade da súa viúva e testamenteira Aurora Bernárdez.

O apartado fílmico, correspondente a gravacións en Súper 8 de mediados dos anos sesenta, correspóndese con filmacións realizadas polo propio Cortázar nas súas viaxes por Brasil, a India e Uganda, ademais de curtametraxes en 8 mm., que sen saíren moitas veces do carácter documental, contemplan unha certa intención creativa onde non falta o interese entomolóxico que tamén se pasea pola súa literatura.

O fondo fotográfico —máis de dúas mil imaxes entre copias e negativos— está formado tanto por fotografías de autoría do propio Cortázar con intención plástica como por outras de orixe diversa, pero sempre relacionadas co seu contexto literario, político e biográfico. Todo este conxunto constitúe unha auténtica fotobiografía do propio Cortázar, posto que abrangue desde os seus primeiros anos de vida nas aforas de Bos Aires, en Banfield, ata a súa última etapa en París, pasando polo seu primeiro traballo de mestre e polas innumerables viaxes e estancias en distintos países —Europa, a India, Vietnam, Cuba...— e o encontro con personalidades como Buñuel, Carlos Fuentes, Vargas Llosa, García Márquez, Octavio Paz, Ernesto Cardenal, Lezama Lima...

A importancia deste fondo acrecéntase se temos en conta que os manuscritos, a correspondencia e a documentación que constituían o núcleo do arquivo de Julio Cortázar pertencen na actualidade á biblioteca da Universidade de Princeton (EUA). Polo tanto, os fondos doados a Galicia serán practicamente os únicos documentos do arquivo do escritor que se conserven en Europa, xunto coa súa biblioteca persoal na Fundación Juan March en Madrid.

Fondo Fernando Iglesias Tacholas

No ano 2008 a Filmoteca de Galicia incorporou aos seus fondos fotográficos máis de catrocentras fotografías da colección particular do actor de referencia da colectividade galega na Arxentina, Fernando Luis Iglesias Sánchez “Tacholas”, amigo persoal de Castelao e de tantas outras figuras destacadas da cultura galega. Este fondo fotográfico documenta a traxectoria vital deste actor desde a súa chegada a Arxentina no ano 1929 e a
súa participación en emisións radiofónicas con figuras como Mariví Villaverde ou recitais poéticos no Centro Galego de Bos Aires con Víctor Luis Molinari ou Emilio Pita ata as súas actuacións cinematográficas para directores da talla de Benito Perojo, Héctor Olivera, Xosé Martínez Suárez, ou a súa participación en diversos actos de homenaxe a Castelao, María Casares ou Rosalía de Castro nos que tamén participaron escritores e intelectuais como Eduardo Blanco Amor, Valentín Paz Andrade, Rafael Dieste...

Fondo NO-DO

A Filmoteca de Galicia incorporou aos seus fondos de consulta e investigación, tras o acordo asinado entre o Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia no ano 2009, os materiais rodados en terras galegas polas cámaras do Noticiario NO-DO entre os anos 1943 e 1979. Constitúen un conxunto de aproximadamente trinta horas de filmacións realizadas nas catro provincias galegas polos operadores do Noticiario (algúns deles moi vinculados á nosa cinematografia como Manuel Ferrol ou Ramón Saiz de La Hoya) e logo montadas como noticias breves incluídas na correspondente edición de NO-DO ou producións específicas de documentais en branco e negro ou cor amosando diversos aspectos do noso patrimonio histórico, etnolóxico, cultural ou industrial. Estes materiais dixitalizáronxe en colaboración con Filmoteca Española e actualmente pódense consultar na Mediateca José Luis Cabo do noso centro.

Recuperación

Desde a recuperación en 1991 da longametraxe documental Un viaje por Galicia (Luis R. Alonso, 1929), a Filmoteca dedica grandes esforzos á recuperación do patrimonio audiovisual galego. É un labor silencioso, lento e complicado, con froitos escasos, mais de gran valor. A dispersión das películas en espazos e localizacións moi diversos implica que a súa conservación, por mor do proceso de degradación ao que están sometidos os materiais cinematográficos, non está asegurada.

Restauración

A reconstrución e restauración de películas producidas en Galicia ou relacionadas coa nosa cultura (como é o caso das producidas na emigración) é un traballo especializado que demanda persoal cualificado e fortes dotacións económicas. Desde o comezo, a Filmoteca foi formando o persoal propio nas dinámicas da identificación e conservación de materiais fílmicos históricos. Consecuencia deste proceso foi o establecemento da dotación física dos instrumentos necesarios, tanto para a catalogación das películas, como para sentar as bases mínimas esixibles para a recuperación e conservación.