Imaxes de Castelao en Buenos Aires
Imaxes de Castelao en Buenos Aires
- 13 min.
Filme de 1972 que recolle a presenza do escritor Castelao en Arxentina dende a súa chegada en 1940 ata o seu pasamento. A fita foi un agasallo do reporteiro gráfico Eligio González, de orixe ourensá e emigrado a Bos Aires, que lle ofreceu ao Centro Galego da cidade. Durante anos filmara o escritor en diversas aparicións, que ordea neste filme documental de fondo valor patrimonial. A película foi restaurada polo CGAI en 1995.
-
Sesións especiais
Imaxes de Castelao en Buenos Aires
Versión lingüística:VOFormato:35mm.50 cabodano Castelao. Presenta Manolo González. Entrada gratuíta.
- Ano:1972
- Países de produción: España
Comentarios no folleto da restauración (1996)
Alfonso Vázquez-Monxardín
Nos documentos visuais Centro Gallego en su 50 aniversario, 1º Congreso de la Emigración Gallega e Imaxes de Castelao evidéncianse as constantes de tódolos traballos cinematográficos de Eligio González. Os seus contemporáneos recórdano sempre subido a unha escaleira nos actos da colectividade con varias cámaras nas mans ou abríndose paso afanosamente entre as aglomeracións dos actos multitudinarios, sen importarlle especialmente as condicións de luz ou o encuadre perfecto. Así pois, non busquemos un cineasta/autor, constructor dun universo propio a partires dos rexistros da realidade imediata (como poden ser Carlos Velo ou José Suarez). Eligio é un xornalista gráfico, un reporteiro, algo así como os modernos ENG na década dos 40 e 50. Él tan só pretende fixar en imaxes as formas e movementos dos seus amigos e seres queridos, retratar e perpetuar os "intres" históricos do galeguismo en Arxentina, crear a memoria visual da emigración.
(...) Longo do inmenso aluvión do primeiro tercio de século, estala como unha mortífera tormenta a Guerra Civil. A Galicia do alén mar permaneceu neutral e impávida perante unha España que carpía agonizante. Moitas sociedades esgazaron en dúas. A maioría, iso sí, e desde distintas sensibilidades, púxose do bando dunha legalidade republicana pola que traballaban os intelectuais da emigración —Seoane, Blanco Amor, Suárez Picallo— moi influentes sempre nas grandes institucións como o Centro Galego ou a Federación de Sociedades Galegas. Chegan logo derrotados os exiliados e son acollidos como irmáns na tristura. As imaxes de Castelao rodeado do fervor popular, dan idea de ata que punto era xa nos últimos anos, un símbolo en vida. Mesmo a rodaxe dun Castelao enfermo —que se ve no filme— entre dirixentes da colectividade galega, é un desexo de perpetuar e ensalza-lo mito. Aqueles maduros paisanos, —agora xa moitos deles señores triunfadores de corbata, sombreiro e reloxo con cadea de prata— lembrando o país que tiveran que deixar, e recuperaban co galeguismo, con Castelao, o orgullo dunhas raíces tantas veces despreciadas, o orgullo de perteceren a un lugar identificado e tan digno como o que máis. No Bos Aires do aluvión emigratorio, Galicia, existe así de seu como en poucas partes no mundo.