Filmoteca de Galicia
A Filmoteca de Galicia é unha institución da Xunta de Galicia, integrada na Agadic. Ten como principal misión a salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego. Creado polo Decreto 210/1989, do 5 de outubro, da Xunta de Galicia, a Filmoteca de Galicia inaugurouse o 15 de marzo de 1991, data desde a que vén desenvolvendo as súas actividades nos ámbitos do audiovisual e da fotografía de xeito regular.
As súas principais funcións no ámbito audiovisual son a recuperación, a catalogación, a custodia e a difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego, así como a programación de proxeccións, exposicións, conferencias, publicacións etc. co fin de proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe.
As súas instalacións —arquivo, mediateca, sala de proxeccións e oficinas— están localizadas na Casa da Cultura Salvador de Madariaga da Coruña.
Desde 1999 a Filmoteca de Galicia forma parte da International Federation of Film Archives (FIAF) co estatus de membro asociado.