Petit à petit (1: Les Lettres Persanes)
Damouré Zika, Lam Dia, Illo Goudal, Safi Faye, Ariane Bruneton, Jacques Chabot, Moustapha Alassane
- 78 minutos
Jean Rouch dicía que as súas películas todas son unha continuación encadeada de Jaguar, o seu primeiro filme de ficción. Dezaseis anos más tarde, os tres socios protagonistas de Jaguar volvéronse ricos. En París, Damouré convértese nun etnólogo ficticio, alter ego de Rouch, a quen parodia (o seu modelo é de calquera etnógrafo occidental) e, ao mesmo tempo, dobra (é o seu compañeiro e o seu cómplice, Petit à petit é unha creación colectiva). A súa misión consiste en facer abanear os fundamentos da observación etnográfica/sociolóxica coa súa ambigüidade e o aceno das súas reaccións, entre violentas e inxenuas, propias do burlesco. O outro non é aquí o africano, senón o concidadán parisino.
«Petit à petit non é unha película nin branca nin negra», afirmaba Rouch, senón unha fábula con aires de investigación, cuxa verdade xorde da ficción e da fantasía. Damouré, cos seus xogos entre personaxe e persoa, co seu poder de acción espontánea, lembra as máscaras da Commedia dell’Arte. Coma o resto de personaxes, operadores de ficción (Lam, Illo, Ariane, Safi, Philippe, Moustaphe...), a súa identidade resulta desconcertante. A garantía da duración dos corpos é a súa materia e a súa memoria.
Contaba Jacques Rivette que o impulso de Out 1 xurdiu da proxección de nove horas de rushes de Petit à petit. A versión longa da película, que veremos nesta sesión, consiste, como Out 1, nunha arquitectura móbil de relacións, onde prolifera un preciso complexo de personaxes e unha rede de correspondencias entre diferentes mundos —o famoso programa das verdadeiras xeografías a partir das topografías falsas, da comunicación de lugares afastados próximos no cinematográfico, cara aos que son propulsados os personaxes—, ou máis ben entre os seus reflexos.
Modos irracionais de pensamento, contradicións imprevistas no programa, tomas no canto de planos, secuencias nas que parecera que non houbese cortes e onde o tempo, vivo, directo, se transforma en duración, se converte en espazo despregado, habitable. Como aquela historia sobre a desaparición dos dinosauros evocada por Serge Daney: «Eran tan grandes e enormemente longos que, ao seren atacados, no tempo en que o influxo nervioso chegaba ata o seu pequeno cerebro, xa foran devorados. Morte indolora». (CCCB, Xcèntric 2019)
Divida en tres partes: 1 (Les Lettres Persanes), 2 (Afrique sur Seine) e 3 (L'imagination au pouvoir)
- Ano:1969
- Países de produción: Francia
- Guión: Jean Rouch
- Fotografía: Jean Rouch
- Montaxe: José Matarasso, Dominique Villain
- Produtora(s): Les Films de la Pléiade