Kiyoshi Kurosawa: A vinganza da soidade
Do 27 de novembro de 2025 ao 20 de decembro de 2025
Kiyoshi Kurosawa (Kobe, 1955) iniciouse na rodaxe de películas en 8 mm nos 80 durante os seus estudos de socioloxía na Universidade de Rikkyo baixo a tutela de Shigehiko Hasumi. Durante esa década tamén dirixiría pequenas producións destinadas ao mercado do vídeo e traballaría como axudante de directores como Shinji Sômai, quen seguramente influiría nun dos recursos máis recoñecibles do cinema de Kurosawa, os longos planos secuencia desde un punto de vista distanciado. Unha época de formación que probablemente tamén lle proporcionaría a economía de medios e o ton realista do seu cinema.
Kurosawa alcanzaría a madurez como director a finais da década dos 90, cando protagonizou unha explosión produtiva dirixindo quince longametraxes entre 1997 e 2002. Nesa época dirixiría os dous clásicos do cinema de terror que lle darían fama internacional, Cure e Pulse/Kairo. Son películas froito do cambio de milenio que se viron beneficiadas polo boom global do J-Horror, pero que, en realidade, o director recoñece non crear desde a perspectiva das regras do xénero ás que se asocian, que non o limitaron e que non tivo en conta á hora de facer un cinema que excede todas as etiquetas.
Ao terror parece chegar por accidente tentando facer un retrato psicolóxico do ser humano contemporáneo. Este retrato é tamén contemporáneo do final do milenio, que impregna, co seu aviso de cambio de época e de ameaza do final dos tempos, as películas deste período. Estas películas que nos permitiron descubrir a obra dun director diferente son as que recuperamos no noso ciclo.
Un período da súa filmografía que anticipa ademais o cinema que Kurosawa crearía nas seguintes décadas, películas nas que sorprende recoñecer vinte e cinco anos despois temas e problemas que nos son moi próximos: a incomunicación, o illamento e a falta de empatía que paradoxalmente potenciaron as novas tecnoloxías, as crises ecolóxicas, a viralidade, non só pandémica, e, sobre todo, a soidade cada vez máis presente nas sociedades contemporáneas. No seu cinema hai outro elemento común e recoñecible: ante estas circunstancias, a violencia que explota despois de estar acazapada tras unha fachada de normalidade. Quizais unha reacción entendida como vinganza da soidade coa que os seus personaxes abandonan calquera responsabilidade que os oprima.
Cunha mirada visionaria, Kurosawa parece recoñecer estas tendencias no cambio de milenio, e a súa curiosidade lévao a investigar máis sobre elas e sobre uns personaxes enfrontados a condicións extremas, a escenarios que, en moitas ocasións, son apocalípticos. Uns protagonistas que, sometidos ao illamento e á incomunicación, son vulnerables ao horror, ao mesmo tempo que, pola súa ambigüidade moral, artífices deste.
Para este ciclo, recuperamos sete títulos fundamentais desa parte da súa filmografía, tan pouco accesible hoxe, nos que co seu estilo sobrio e austero crea unha atmosfera de incomodidade, situacións surreais e unha poesía apocalíptica cos que apela aos medos colectivos máis contemporáneos.
A selección arrinca, como non podía ser doutro xeito, con Cure (Kyua, 1997), unha das películas máis inquietantes das últimas décadas, protagonizada por Koji Yakushô, amigo e alter ego do director ante a cámara. Yakushô tamén aparece en License to Live (Ningen gôkaku, 1998), unha traxicomedia sobre a procura do noso lugar no mundo na que comparte elenco cun novísimo Hidetoshi Nishijima (Drive My Car), e protagoniza Charisma (Karisuma, 1999), unha surreal fábula ecolóxica. Entre medias, Kurosawa dirixiría Eyes of the Spider (Kumo no hitomi, 1998) e Serpent's Path (Hebi no michi, 1998). Rodadas en dúas semanas e cun limitadísimo orzamento, estás dúas películas compleméntanse e dialogan para completar o seu díptico sobre a vinganza.
O ciclo péchase con dúas películas afastadas completamente do thriller e o terror, pero nas que Kurosawa continúa experimentando cuns personaxes ao límite. Barren Illusions (Ôinaru gen'ei, 1999), quizais a película máis críptica da selección, trasládanos a unha poética e melancólica fin do mundo. E finalizamos con Bright Future (Akarui mirai, 2002), unha historia de liberación protagonizada por dous personaxes novos unidos pola rabia interpretados por Joe Odagiri e Tadanobu Asano.
E para finalizar, recuperamos a última cinta dirixida por Kurosawa, CLOUD (2024), na que o director mostra a vixencia, e o seu interese nos temas que comezou a tratar nese período no que se centra o noso ciclo. Unha película que reconecta e actualiza esa visión apocalíptica do illamento e o individualismo como consecuencia do mal uso da tecnoloxía.
Fotograma de portada: Cure (Kiyoshi Kurosawa, 1997) ©1997 Kadokawa Pictures
Coa colaboración de
Cloud
Cure
License to Live
Eyes of the Spider
Serpent’s Path
Charisma
Bright Future