Cine-Ensaio: A forma que pensa
Do 1 de marzo de 2007 ao 31 de marzo de 2007
En colaboración con Punto de Vista. Festival Internacional de Cine Documental de Navarra, IVAC-La Filmoteca de Valencia e Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS) de Madrid.
Presentamos un ciclo iconoclasta que representa unha aproximación ao Cine-Ensaio máis elaborado e reflexivo configurado a través de obras contemporáneas fundamentais elaboradas por xentes como Godard, Farocki, Berliner, McElwee ou Albertina Carri. Xunto ás proxeccións inclúese a publicación do libro coeditado polo CGAI con IVAC-La Filmoteca, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e Festival Internacional de Cine Documental de Navarra "La forma que piensa. Tentativas en torno al Cine-Ensayo", coordinado polo escritor cinematográfico e docente da Universidade Carlos III Antonio Weinrichter. A obra será presentado no CGAI polo mesmo Weinrichter e outro dos seus autores, o historiador galego José Luis Castro de Paz.
“Cabe cualificar o ensaio como unha confluencia entre o cine documental e o experimental, nun primeiro momento. Despois, a súa práctica revitalízase a través do emprego do vídeo (que constitúe hoxe o seu formato maioritario); con iso importa non só un soporte senón unha tradición diversa, a que se orixina co chamado videoarte, sinalando unha nova confluencia entre esta tradición procedente da institución cine artística e a do cine factual (que mentres tanto pasou a gravarse tamén crecentemente en vídeo, por suposto). O ensaio é pois unha práctica que atravesa unha serie de institucións que se caracterizaron historicamente pola ignorancia ou indiferenza que se profesan mutuamente, tanto desde o punto de vista dos cineastas e artistas como dos historiadores: os ámbitos de traballo e de exhibición das obras están tan compartimentalizados e revélanse tan estancos entre si como os estudos que se escriben sobre as mesmas.
Pero esta situación alude ás condicións externas (de recepción, institucionais) que explican o difícil nacemento da categoría do cine-ensaio. Existe outra razón e esta vez non é de carácter pragmático senón “ontolóxico”: o concepto de ensaio serviría para denominar un tipo de obra que utiliza recursos propios para alumar unha forma intransferible, que nunca podería servir de “modelo xenérico”. Esta idea é formulada así por Alain Bergala: “Que é un film-essai? É unha película que non obedece a ningunha das regras que rexen xeralmente o cine como institución: xénero, duración estándar, imperativo social. É unha película “libre” no sentido de que debe inventar, cada vez, a súa propia forma, que só lle valerá a ela. O documental xeralmente ten un tema, é unha película “sobre”...E este tema, por regra xeral, preexiste como tal no imaxinario colectivo da época [...]. O film-essai xorde cando alguén ensaia pensar, coas súas propias forzas, sen as garantías dun saber previo, un tema que el mesmo constitúe como tema ao facer esa película. Para o ensaísta cinematográfico, cada tema esíxelle reconstruír a realidade. O que vemos sobre a pantalla, aínda que se trate de segmentos de realidade moi reais, só existe polo feito de ter sido pensado por alguén”. Bergala chega a suxerir que un verdadeiro ensaio inventa non soamente a súa forma e o seu tema, senón, aínda máis, o seu referente: a diferenza do documental, que firma e organiza o mundo, o ensaio constitúeo”.
Antonio Weinrichter, “Un concepto fugitivo. Notas sobre el cine-ensayo”, en La forma que piensa. Tentativas en torno al Cine-Ensayo, pp. 26-27.
Agradecementos: Antonio Weinrichter, José Luis Castro de Paz, Albertina Carri, Andrea Carri, Sara Schoyeau, Gaumont (Francia), Heiner Staedler, Olivier Smolders, Les Films du Scarabee (Bélxica), Dewayne Slightweight, Videodatabank (Estados Unidos), Ross McElwee, Homemade Movies (Estados Unidos), Liasson Gallery (Gran Bretaña), Sean Snyder, Angela Melitopoulos, Hito Steyerl, Michaela Grill, Sixpack Films (Austria), Barbara Hammer, Elizabeth Subrin, Mariano Llinás, Alan Berliner, Harun Farocki, Ralph Arlick, Claude Nouchi, Magrytte Films (Bélxica), Deborah Stratman, David Barison, Daniel Ross, Thom Andersen, Jacqueline Holt, Lux London (Gran Bretaña).