A Filmoteca de Galicia xa ten preparada a súa carteleira de febreiro, que desde mañá e ata finais de mes lle propón ao público 36 novas citas cinéfilas. Destaca, entre elas, a visita do cineasta finés Aki Kaurismäki, quen estará o mércores 7 de febreiro ás 20,30 horas na sede da cinemateca da Xunta na Coruña para presentar a súa última longametraxe, Fallen Leaves.
A fita, que é xa o seu maior éxito en España con máis de 110.000 espectadores e aínda se atopa en cartel en moitas cidades, poderá verse con subtítulos en galego como parte da retrospectiva que a Filmoteca de Galicia lle dedica ata o mes de abril. Xunto co arranque deste ciclo, a nova carteleira mensual tamén porá o foco no realizador galego Lois Patiño, ademais de lle dar continuidade ao especial co que repasa algúns dos títulos esenciais de Wim Wenders.
Coa excepción de Fallen Leaves, que volverá proxectarse o día 9 ás 18,00 horas, os filmes de Kaurismäki seleccionados para febreiro ofrecen un percorrido cronolóxico desde os inicios da súa carreira, comezando os días 6 e 8 con Sombras en el paraíso, xustamente anterior a Hamlet va de negocios, na que desenvolve a súa versión anticapitalista do clásico de Shakespeare e que poderá verse os días 14 e 15. Ariel proxectarase o 17 e o 20 de febreiro, mentres que o día 22 será a quenda de Leningrad Cowboys Go America, unha das longas da serie de traballos que lle dedicou a este singular grupo de rock. Completa a escolma do mes La chica de la fábrica de cerillas, programada os días 23 e 27 que, xunto a Sombras en el paraíso e Ariel, conforma a súa triloxía do proletariado.
Estes títulos marcan o inicio da que está considerada como unha das máis singulares traxectorias do cinema contemporáneo. As películas de Kaurismäki amosan unhas raíces fondamente ancoradas na súa Finlandia natal, con imaxes secas e enchidas de soidade e de melancolía, das que emerxe un discurso que fala do desamparo social, da derrota individual ou da desolación existencial, entre outros temas, e no que destaca tamén a súa particular ollada traxicómica.
Esta é a segunda vez que a Filmoteca de Galicia lle dedica un ciclo ao director finés, do que xa ofrecera unha retrospectiva entre finais de 1999 e primeiros de 2000. Naquel momento, Kaurismäki tiña estreadas 15 das 20 longas coas que conta ata a data, ademais de numerosas curtametraxes. Desde entón, a súa produción ten sido máis espazada, pero sempre con gran impacto entre o público e alcanzando, ademais, os seus maiores éxitos.
Catro filmes de Lois Patiño
A outra visita do mes será a do director vigués Lois Patiño, quen o mércores 28 presentará Samsara, a súa última longametraxe. Rodada entre Laos e Tanzania, esta reflexión sobre o ciclo da morte e a reencarnación budista está a ser un inesperado éxito nos cinemas españois para unha película das súas características, unha sorte de documental sensorial cunha parte central na que se convida aos espectadores a pechar os ollos.
Samsara foi estreada na pasada Berlinale, onde o realizador xa estivera en 2022 coa curta El sembrador de estrellas e en 2020 con Lúa vermella, a súa primeira e aclamada longametraxe de ficción, filmada co apoio da Xunta. Estes tres títulos, xunto á curtametraxe Sycorax, conforman o ciclo Marea que se poderá ver na sala José Sellier na última semana de febreiro, coincidindo coa exposición arredor da obra de Patiño que se exhibe na Fundación Luís Seoane.
Os esenciais de Wim Wenders
Mentres as salas comerciais continúan a programar Perfect Days, o último de Wim Wenders, a cinemateca galega pecha o mes que vén o seu repaso por algúns dos títulos máis coñecidos do director alemán dentro da sección Esenciais. Para estas semanas están programadas sete películas realizadas durante os anos 70 e 80, entre as que se atopa algunha das súas fitas máis icónicas: El amigo americano, que poderá verse mañá mesmo ás 20,30 horas, Alicia en las ciudades, Cielo sobre Berlín, ¡Tan lejos, tan cerca!, El estado de las cosas, Lisboa Story e Boa Vista Social Club, estes dous últimos filmes documentais, unha das liñas máis fecundas na carreira de Wenders nos últimos tempos.
Pola súa banda, a sección Desencadres deste mes dedícaselle aos cineastas experimentais norteamericanos Sharon Lockhart e James Benning con cinco dos seus títulos. Destacan entre eles os da sesión do sábado 3, organizada en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e nos que se aborda como mirar o ceo durante un eclipse (L. Cohen, de Benning) e nun anoitecer (Eventide, de Lockhart).
A carteleira de febreiro complétase coa cuarta entrega do ciclo Cancións de Pedro Costa. Desta volta, o cineasta portugués seleccionou Onna No Naka ni iru tanin (O estraño no interior dunha muller), filme do xaponés Mikio Naruse que poderá verse con subtítulos en galego os días 8 e 10, mentres que o día 9 exhíbese Ossos.
Difusión dos arquivos fílmicos
Ademais, a segunda entrega da sección Materiais para unha historia do cinema en Galicia ofrece o 16 de febreiro un programa dobre dedicado aos documentais que Eligio González rodou no Centro Galego de Bos Aires entre 1957 e 1961. Dentro deste novo apartado, a Filmoteca está a compartir co público parte do seu arquivo, facendo fincapé nas restauracións e dixitalizacións realizadas ao abeiro do Hub Audiovisual de Galicia, financiado no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19.
Os arquivos que atesouran as filmotecas do resto de España teñen así mesmo a súa propia sección, dentro da que o día 21 a Filmoteca Española presenta na sala José Sellier La aldea maldita, o filme dirixido en 1930 por Florián Rey, nunha versión con música de Raül Refree.
Por último, dentro de Filmoteca Jr, o público familiar ten unha cita o día 24 con Nanook, el esquimal, o documental mudo de 1922 no que Robert J. Flaherty segue a vida dun inuk e a súa familia no norte de Canadá.
Tanto esta sesión como as das seccións Materiais e As filmotecas presentan son de entrada gratuíta. Para o resto, estarán á venda no despacho de billetes desde 20 minutos antes do inicio da correspondente proxección, cun máximo de dúas entradas por persoa.