Cine + Guerra Civil
Do 1 de xullo de 2006 ao 31 de xullo de 2006
En colaboración coa Universidade da Coruña e Filmoteca Española.
“Tras a sublevación militar contra a legalidade republicana e o tráxico desencadeamento da guerra civil, o cinema español –e particularmente o realizado no bando leal ao goberno democrático- chegará a desenvolver un dos máis fértiles períodos históricos do noticiario e o documental mundiais considerados no seu conxunto, evocando case sen matizacións un cinema de excepción vinculado a experiencias revolucionarias e soviéticas, mentres o cinema de ficción desaparecerá case totalmente, aínda que con excepcións tan significativas como o accidentado e contraditorio intento dunha produción anarcosindicalista de longametraxes comerciais.
Nos dous bandos, con todo –porque tamén o documental nacionalista presenta pezas de inusitado interese-, a guerra civil supón de feito a primeira experiencia histórica do uso do cinema sonoro ao servizo dos intereses en loita, e, xunto á fotorreportaxe e ao cartelismo, creará novas pautas e modelos para a utilización da reportaxe e do noticiario como elementos de mobilización, información e contrainformación, de propaganda política e militar en definitiva, dando un enorme pulo ao documental, capaz de abordar –se ben con resultados dispares- audaces experimentacións de linguaxe.
Tras a fin do conflito, a guerra e o exilio converteranse –con lóxicas e, en ocasións, forzosas oscilacións históricas- en núcleo semántico último dalgúns dos máis destacados dos filmes da nosa Historia.
Sobre estes e outros aspectos versarán os relatorios do presente seminario, en que participan non só relevantes expertos na materia, senón tamén mozos investigadores que traballan sobre o tema na actualidade.
As sesións compleméntanse cun ciclo de proxeccións que, para alén dos títulos máis célebres de/e sobre o conflito bélico e as súas consecuencias, incorpora documentais, reportaxes e noticiarios que permiten seguir o seu desenvolvemento desde xullo de 1936 até o seu desolador remate en 1939”.
José Luis Castro de Paz
Trece programas e catro significativas longametraxes que comprenden imaxes ben tomadas durante a propia guerra civil española, ben directamente inspiradas por ela. Os programas sucédense en orde cronolóxica e distribuídos por contidos (frontes de batalla, eleccións temáticas, personaxes e acontecementos relevantes,...). Na maioría dos casos a duración dos traballos fílmicos correspóndese coa metraxe conservada, aínda que a súa condición urxente e mesmo colectiva de elaboración, o complexo clima posbélico e o tempo transcorrido contribúen á fragmentariedade e difícil atribucion de moitos deles. As proxeccións complementan a celebración do seminario “Cine e Guerra Civil”, organizado conxuntamente coa Universidade da Coruña entre os días 6 e 8 de xullo e dirixido polo historiador de cine e profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo José Luis Castro de Paz.
Agradecementos: Filmoteca da UNAM (México).

Programa 4. ESPAÑA LEAL EN ARMAS / LA GUERRA EN ESPAÑA

SIERRA DE TERUEL

SPANISH EARTH

ISPANIJA

EN EL BALCÓN VACÍO
