
Programa 11. Noticiario español (III)
79´. Entrada gratuíta.
Producido polo Departamento Nacional de Cinematografía, este noticiario é o primeiro que obtén regularidade de edición no lado franquista, desenvolvendo o papel de órgano oficial de información do recentemente creado “Movimiento Nacional”. Ao longo dos 18 números editados -sobre un total de 32- durante a guerra, o noticiario traza unha auténtica panorámica da vida oficial na España franquista, con imaxes que permiten facerse unha idea da vida real, incluso a través dos desfiles e conmemoracións. O primeiro número contén noticias de abril e maio de 1938 e o nº 18 relata os últimos días da guerra. A maior parte das noticias corresponden a actos militares e conmemoracións políticas, pero intercalan imaxes como o recitado dun romance popular en Pobra de Sanabria (Zamora), inmerso nun clima tráxico no que as mulleres dunha vila, onde todos os homes están ausentes ou mortos, recitan/cantan unha curiosa versión da canción infantil “Mambrú se fue a la guerra”.
Noticiario Español nº 13. Xaneiro 1939
Duración: 12’25”.
Contén as seguintes noticias: o ministro do interior Serrano Suñer visita Sitges que acaba de ser conquistada. Avance cara a Barcelona: o exército nacionalista cobre os últimos quilómetros até Barcelona e entra na cidade. Primeiras imaxes nacionalistas de segunda liña entrando en Barcelona. Nos sotos do castelo de Figueras atópase un gran cúmulo de xoias e valores preparados polas autoridades republicanas para a súa saída de España. O exército franquista avanza cara á fronteira por terras de Xirona. Xirona conquistada polo exército franquista. O xeneral Alonso Vega é aclamado polos soldados. Os cónsules estranxeiros acreditados en Barcelona visitan a checa da rúa Vallmajor.
Noticiario Español nº 14. Xaneiro 1939
Duración: 11’55”.
Contén as seguintes noticias: Xixón: o destrutor Ciscar, destruído pola aviación franquista antes da toma da cidade, é extraído das augas e posto en servizo. Fronte de Cataluña: o xeneral Bautista Sánchez en Tarragona e o xeneral Solchaga en Lleida. Imaxes de destrucións e de axudas aos damnificados.
Noticiario Español nº 15. Xaneiro-febreiro 1939
Duración: 13’50”.
Contén as seguintes noticias: Málaga: estudantes visitan A Alcazaba. O rexemento de propaganda lanza foguetes con panfletos sobre as liñas inimigas e fai funcionar o altofalante da fronte. Tortosa: ponte sobre o río Ebro destruída polos republicanos. Auxilio Social da Falanxe repartindo comida en Tortosa e Tarragona. Conmemoración da conquista de Granada polos Reis Católicos. Barcelona: o xeneral Yagüe aclamado pola multitude e fuxitivos republicanos pasando a fronteira por Le Perthus.
Noticiario Español nº 16. Febreiro-marzo 1939
Duración: 13’58”.
Contén as seguintes noticias: recepción no xardín da residencia do xeneral Franco en Burgos no transcurso da cal a súa filla xoga cunha cría de león. En zona republicana: congreso de intelectuais antifranquistas en Benicarló. O dirixente falanxista Rafael Sánchez Mazas conta o seu fusilamento e fuxida da prisión en zona republicana no castelo de Figueras. Franco pasa revista á Armada no porto de Tarragona.
Noticiario Español nº 17. Marzo-abril 1939
Duración: 13’30”.
Contén as seguintes noticias: tesouros acumulados polos republicanos no Castelo Figueras. Barcelona: procesión do Cristo de Lepanto. A esposa de Franco visita Segovia. En zona republicana, “Congreso de axitadores internacionais”. Exercicios de instrución de tropas de montaña na serra de Guadarrama. Burgos: Miguel Primo de Rivera fala do seu encarceramento en Alacante e dos últimos momentos do seu irmán José Antonio. Burgos: presentación de cartas credenciais do mariscal Petain. Franco entrega o subsidio familiar a 37 familias numerosas de Burgos.
Noticiario Español nº 18. Abril-xuño 1939
Duración: 12’30”.
Contén as seguintes noticias: O Escorial liberado polas tropas franquistas. Madrid: enterro do aviador e membro do Consello Nacional da Falanxe, Joaquín García Maroto, morto en accidente. Entrada das tropas nacionalistas en Alacante. Misa conmemorativa no cuartel da Montaña (Madrid). Presentación das cartas credenciais do embaixador de Gran Bretaña en Burgos. Procesión de Semana Santa en Murcia. Exhumación en Alacante do cadáver do fundador da Falanxe José Antonio Primo de Rivera. Valencia: entrada das tropas franquistas en Valencia. O ministro do Interior, Serrano Suñer, fala para Hispanoamérica.