Programa 3. A crise republicana de maio de 1937: gañar a guerra ou facer a revolución?
81´. Entrada gratuíta.
Gañar a guerra ou facer a revolución: a crise republicana de maio de 1937
Duración: 1h 21’24”.
O goberno da República non resiste a sublevación militar debido á falta de coordinación entre as súas forzas. En Cataluña os anarquistas e no resto de España o Partido Comunista e UXT, encabezan a resistencia á sublevación e estruturan o Poder Popular. O goberno da República reorganízase para asumir o control da guerra ao decatarse da necesidade dunha fronte unida forte, pero existen dúas posicións ideolóxicas enfrontadas: os anarquistas –que consideran prioritaria a revolución- e o PC que ve máis importante a unión das forzas para gañar a guerra pensando que logo virá a revolución. O goberno establecido en Valencia intenta tomar o control apoiado polo Partido Comunista, os anarquistas se radicalizan máis tras a morte de Durruti o 20 de novembro de 1937 e a saída de Largo Caballero e o nomeamento de Negrín como xefe de goberno, mentres se asiste á represión dos membros do POUM.
L’ENTERRAMENT DE DURRUTI
(España, 1937)
Produción: Laya Films (Comisariat de Propaganda de la Generalitat de Catalunya). Duración: 5’55”.
Reportaxe sobre o paso do cortexo fúnebre de Buenaventura Durruti polas principais rúas de Barcelona. Presiden o dó persoeiros como o presidente da Generalitat Lluis Companys, Tarradellas e García Oliver.
LES CORTS DE LA REPUBLICA ESPANYOLA PROSSEGUEIXEN LA SEVA TASCA LEGISLATIVA A VALENCIA
(España, 1937)
Produción: Comisariat de Propaganda de la Generalitat de Catalunya. Duración: 6’56”.
Traballo incompleto que amosa a primeira sesión das Cortes da República en Valencia celebrada o 1 de decembro de 1936, despois do seu traslado -por medidas de seguridade- desde Madrid.
TODO EL PODER PARA EL GOBIERNO
(España, 1937)
Produción: Ministerio de Propaganda. Duración: 5’18”.
Fragmento dunha reportaxe sobre a manifestación producida en Valencia o 14 de febreiro de 1937, en apoio da política de reorganización da dirección da guerra mediante a concentración do poder no goberno. Imaxes de Azaña e de Largo Caballero dirixíndose á multitude.
POR LA UNIDAD HACIA LA VICTORIA
(España, 1937)
Dirección: Fernando García Mantilla. Produción: Partido Comunista de España. Fotografía: Serafín Rodríguez, Julio Bris. Duración: 33’51”.
Reportaxe sobre o desenvolvemento do pleno do Comité Central do Partido Comunista. Intervención dos principais líderes comunistas e delegados de partidos socialistas e comunistas estranxeiros; de militares na fronte e de representantes da España leal. Os discursos ilústranse con imaxes de persoeiros políticos e actividades na fronte e na retagarda.
BAJO EL SIGNO LIBERTARIO
(España, 1936)
Produción: SIE para CNT/FAI. Intérpretes: Grup Art Lliure. Duración: 15’33”.
Documental de propaganda, exemplo de organización revolucionaria nas vilas confiscadas en Aragón, que emprega imaxes doutras reportaxes cenetistas do arranque da guerra, sobre un fondo de ficción, onde uns cámaras do SUEP van rodar a vida colectivizada na vila de Pina de Ebro.
ESPAÑA AL DÍA
(España, 1937)
Produción: Laya Films (Film Popular). Duración: 3’51”.
Este fragmento de noticiario contén as únicas imaxes conservadas da ornamentación montada para a manifestación que non tivo lugar en Barcelona con motivo do 1 de Maio de 1937, ante a tensión ambiental que vaticinaba a loita que días despois acabaría co predominio anarquista en Cataluña. Imaxes de actos conmemorativos en Caspe e Guadalaxara. Manifestación do 1 de Maio en París.
VEINTE DE NOVIEMBRE
(España, 1938)
Produción: SIE Films, para CNT. Duración: 10’33”.
Homenaxe a Buenaventura Durruti no primeiro aniversario da súa morte. Actos no cine Tívoli de Barcelona e no cemiterio de Montjuich; discursos de García Oliver e outros dirixentes anarquistas. García Oliver narra a historia dos días máis duros do anarquismo nos tempos anteriores á República. O acto transmite o illamento político ao que están sometidos os anarquistas en Cataluña, apreciándose unha notable diferenza entre os persoeiros que asistiron ao enterro de Durruti e os presentes nesta homenaxe.