
Programa 8. A caída da Fronte Norte
95´. Entrada gratuíta.
A fin da Fronte Norte: Conquista do País Vasco, Santander e Asturias
Duración: 1h 34’40”.
Durante o verán e outono de 1937, o exército franquista conquista a totalidade da cornixa Cantábrica con importantes apoios alemáns e italianos. Primeiro Euskadi (Bilbao é tomada o 2 de xuño) e por último Oviedo e Xixón o 21 de outubro de 1937, constitúen serios reveses para os exércitos republicanos, que intentan distraer forzas lanzando fortes ataques en Aragón e no centro da Península. Durante estas batallas prodúcese o bombardeo de Guernica do que non se localizaron imaxes.
EL FRENTE DE VIZCAYA Y EL 18 DE JULIO
(España, 1937)
Produción: FET y de las JONS. Duración: 44’23”.
Importante documental franquista sobre o avance das Brigadas Navarras a través de Euskadi atÉ a conquista de Bilbao. Contén imaxes de numerosas poboacións conquistadas, do “cinto de ferro” (liña defensiva fortificada construída polas forzas republicanas ao redor de Bilbao que non foi eficaz), e presenta as ruínas de Guernica. O comentarista achaca a catástrofe a un incendio provocado polos dinamiteiros republicanos. Contén a celebración do primeiro aniversario do 18 de xullo celebrado en Burgos cun acto falanxista en honor dos caídos e no que á luz dos fachos e baixo emblemas nazis e fascistas, aclaman aos caídos pola causa.
LOS CONQUISTADORES DEL NORTE
(España, 1937)
Produción: Sección Cinematográfica FET y de las JONS. Duración: 45’17”.
Este documental pódese considerar como continuación do anterior. Segue o avance das Brigadas Navarras e a liquidación da Fronte Norte, coa toma de Santander e Xixón. As Brigadas son logo homenaxeadas en San Sebastián e condecoradas por Franco en Pamplona (9 de novembro de 1937) coa Cruz Laureada de San Fernando, máxima condecoración militar española.
EL PRESIDENTE DE EUSKADI
(España, 1937)
Produción: LAYA Films. Duración: 5’.
Despois da caída de Bilbao, o presidente de Euskadi José Antonio Aguirre viaxa a Francia e desde alí diríxese a Cataluña, onde instala a sede provisional do goberno vasco. Imaxes da chegada ao aeroporto de Reus e da viaxe até Barcelona, pasando polo arco de Bará, Villafranca, Villarana, Cervello e Molina de Llobregat. En Barcelona recíbeo o alcalde e máis tarde na Generalitat o presidente Companys. Versión catalá.