Programa 12. A intervención estranxeira
70´. Entrada gratuíta.
A intervención estranxeira
Duración: 1h 09’48”.
A intervención estranxeira na guerra acada gran importancia para ambas as partes. O lado republicano é auxiliado por forzas voluntarias procedentes de varios países europeos, Canadá e América, recrutadas a través dos partidos e organizacións progresistas. Igualmente recibe armamento da Unión Soviética e doutros países. O lado franquista é apoiado por forzas militares en unidades non orgánicas pertencentes aos exércitos alemán e italiano. O comité de Non-Intervención, creado a proposta de Francia e integrado pola maioría dos países da Sociedade de Nacións, opúxose á presenza destas forzas firmándose en 1938 un acordo de retirada cumprido por parte republicana en outubro e novembro, mentres as unidades italianas e alemás permanecían en España até o final da guerra, participando no desfile da vitoria en Madrid o 19 de abril de 1939.
BRIGADAS INTERNACIONALES
(España, 1937)
Duración: 5’58”.
Título descritivo dado a este fragmento con imaxes de unidades das Brigadas Internacionais. Aparecen nun acto co xeneral Miaja, xefe da Xunta de Defensa de Madrid, marchando cara á serra de Guadarrama; nas trincheiras da fronte; Jesús Hernández, ministro de Instrución Pública, entre un grupo de oficiais.
THE INTERNATIONAL BRIGADES
(España, 1938)
Produción: Film Popular. Duración: 7’18”.
Noticias procedentes da serie de noticiarios “Spain Today”, editados por Film Popular para a súa difusión foránea. O coronel Modesto e o presidente do goberno, Negrín, fálanlles ás Brigadas. Multitudinario desfile dos Brigadistas antes de embarcar para os seus distintos países de orixe.
NORTEAMÉRICA EN ESPAÑA / CONGRESSMEN IN SPAIN
(España, 1938)
Produción: Film Popular. Duración: 6’30”.
Reportaxe sobre a visita dos congresistas americanos Jerry O’Connor e John Fitzell a España. Actos en Valencia, Albacete e Madrid, nos que participan autoridades e combatentes norteamericanos das Brigadas Internacionais, inclúe imaxes da celebración do primeiro aniversario, celebrado en Albacete, da chegada das Brigadas Internacionais a España. “Congressman in Spain” é a versión inglesa do mesmo material.
VOLUNTARIOS DE LA LIBERTAD
(España, 1938)
Produción: Subsecretaría de Propaganda. Duración: 17’17”.
Dous fragmentos de copión sen son, posiblemente do mesmo documental. Imaxes dunha recepción ofrecida polo goberno da República aos brigadistas internacionais, con discursos de Negrín e outros líderes. Desfile en Barcelona de tropas do exército republicano e brigadistas internacionais xa desarmados. Imaxes dun banquete en honor dos brigadistas internacionais e homenaxe a eles con motivo da súa despedida de España en outubro de 1938.
PRISIONEROS DE GUERRA
(España, 1938)
Produción: Departamento Nacional de Cinematografía. Fotografía: Enrique Gaetnes. Duración: 13’59”.
Documental sobre o tratamento dado aos prisioneiros das Brigadas Internacionais no lado nacionalista. Imaxes de reconstrución co sanatorio de Lierganes e o palacio de Lerma transformado en hospital de guerra.
PRESENTACIÓN DE CARTAS CREDENCIALES DEL EMBAJADOR ALEMÁN EN SALAMANCA
(España, 1938)
Produción: Films Nueva España. Duración: 8’33”.
Título descritivo dado a este material de traballo no que aparecen distintas formacións militares e unha gran multitude aclama o xeneral Franco e o embaixador alemán Wilhelm von Faupel á súa chegada á Praza Maior de Salamanca, e no interior do concello.
NOS PRISIONNIERS
(España, 1938)
Produción: Subcomisariado de Agitación y Propaganda del Comisariado Gral. de Guerra. Duración: 9’28”.
Documental sobre o trato que reciben os prisioneiros en poder do goberno republicano. Entrevistas con Mª Luisa Larios, enfermeira falanxista e co comandante Antonio Lucio e outros prisioneiros italianos.