![Pandereteiras de Mens](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/mens-capa.jpg?itok=8G8ac2cV)
Pandereteiras de Mens
- 8 minutos
"Entre 2019 e 2021 estivemos compilando documentación e investigando sobre o grupo de veciñas de Malpica de BergantIños coñecidas como as Pandeteiras de Mens. Un episodio fundamental da música galega do século XX que carecía dunha aproximación seria. A nosa investigación estivo liderada pola antropóloga e musicóloga Beatriz Busto, profesora na USC. Durante o traballo de campo, localizou nunha colección particular unha película de Súper 8 filmada em 1971 na que aparecen as mulleres de Mens e outros veciños bailando a Ribeirana (unha rara xoia coreográfica transmitida oralmente) e outros bailes. Desde o punto de vista etnomusicolóxico e coreográfico é un documento de excepción, tanto no xeral, como no concreto (aparece a Ribeirana a tres o que fai deste documento o único no que podemos observar esta rara danza da que hoxe fica escasa memoria real). Ademais do libro-cd que estaba a realizar Beatriz Busto, de título homónimo, hai outra publicación en marcha, O infinito do pé. Ribeirana, de carácter menos académico e mais literario que correu a cargo da recoñecida escritora (e profesora de musicología na Universidade de Edimburgo) Eva Moreda. A aparición da fita, o seu contexto de realización e os seus contidos están amplamente abordados por estas autoras no conxunto dos dous libros. A maiores tamén participou o coreógrafo e bailador Serxio Cobos, autor da transcrición coreográfica da ribeirana .
As dúas publicacións encadramolas nunha liña de programación propria de aCentral Folque que denominamos Muller Ferrenha. Dentro dese mesmo proxecto somamos aínda outra produción autoral derivada do s8, neste caso unha peza audiovisual. Dimos forma a nosa particular deconstrución da música da ribeirana cunha versión que correu a cargo do violeiro brasileiro Ivan Vilela (viola caipira), Pablo Castaño, saxofonista de Jazz e a cantadora e pandereteira Felisa Segade. Somamos ademais à poeta Alba Cid con textos e locucións criadas para a peza. A narrativa audiovisual correu a cargo de Rafael Xaneiro que tivo aceso aos materias orixinais e autorización para a súa manipulación" (Ramón Pinheiro).
-
Off Galicia
Pandereteiras de Mens
Versión lingüística:VOFormato:HDPresentan Ramón Pinheiro e Beatriz Busto.
- Ano:1971
- Países de produción: España