A Filmoteca de Galicia será durante outubro unha das sedes das proxeccións de dous encontros culturais que terán lugar na cidade da Coruña: o Festival Intersección e a feira internacional de música Womex, que levarán á Sala José Sellier boa parte da súa programación audiovisual. A nova carteleira mensual da cinemateca da Xunta arrinca rematando a exhibición íntegra do serial Les Vampires, obra de dez episodios asinados polo director francés Louis Feuillade en 1916, cuxos últimos capítulos poderanse ver mañá martes día 3 e mais o xoves 4 (ás 18,00 h.).
Nesta mesma semana, tamén se celebrará o Día do Cine Español coa película Embrujo, de Carlos Serrano de Osma, programada o venres 6 ás 18,00 h. Nas vindeiras datas continuarase co ciclo sobre Douglas Sirk e pecharase o mes coa primeira cita do que se lle dedicará este ano ao director portugués Pedro Costa.
A completa retrospectiva que a Filmoteca de Galicia lle está a dedicar desde o pasado mes de xullo ao cineasta alemán Douglas Sirk retomarase tamén mañá ás 20,30 h con Más fuerte que la ley, fita coa que se inicia a terceira serie de películas deste realizador. Se nas dúas primeiras partes a Filmoteca de Galicia se fixou na súa carreira en Alemaña e na súa etapa inicial en Hollywood, agora visitará os melodramas que filmou coa produtora Universal.
O percorrido pola obra de Sirk continuará así o mércores ás 18,00 h co pase de Extraña confesión, o sábado á mesma hora coa célebre Obsesión, película de 1954 protagonizada por Rock Hudson e Jane Wyman que terá un segundo pase o martes 10. Nesa semana proxectaranse ¿Alguien ha visto a mi chica? o mércores 11, en tanto que o venres 13 chegaralle a quenda a Su gran deseo e os días 24 e 25 ofreceranse dous pases de Solo el cielo lo sabe.
Visitas de Pedro Costa e de Roee Rosen
A despedida da programación de outubro marcaráa a apertura do ciclo sobre o cineasta luso Pedro Costa, cunha primeira sesión na que se poderá ver Vitalina Varela, filme de 2019 sobre unha muller de Cabo Verde que chega a Lisboa tres días despois de celebrar o funeral do seu marido. Esta cita contará con presentación e coloquio a cargo do propio director.
A Filmoteca de Galicia acollerá as proxeccións dos dous festivais internacionais que se celebrarán na Coruña ao longo do mes de outubro: o Intersección e o Womex. No primeiro dos casos, o Festival Internacional de Cine da Coruña, que conta co patrocinio da Xunta a través das axudas á organización de mostras audiovisuais, abrirá este mesmo mércores na Sala José Sellier a súa retrospectiva sobre a obra de Roee Rosen, cineasta multidisciplinar israelí.
Xa entre o martes 17 e o sábado 21, Intersección encherá a programación da Filmoteca de Galicia ao celebrar as súas sesións Internacionais, Miradas Diversas e Escolas. Ao longo desa semana, poderanse ver producións de autores como Vladimir Todorovic, Chatherine Boivin, Christian Avilés, Erin Wilkerson ou Gao Wei. O sábado 21 finalizará a retrospectiva sobre Rosen, quen ofrecerá unha clase maxistral tras o pase do seu filme The Dust Channel.
Cine e música
A Coruña acollerá entre o 26 e o 28 de outubro o Womex 23, unha das grandes citas do sector da música tradicional e de raíz a nivel global. Este mercado profesional, que reunirá co apoio da Xunta produtoras, artistas, distribuidoras e selos discográficos de todo o mundo nun amplo programa de concertos, reunións sectoriais e conferencias, estenderá a súa actividade á Filmoteca de Galicia co pase de tres pezas audiovisuais de temática musical.
Así, o xoves 26 proxectarase La Singla, documental de Paloma Zapata sobre a coñecida bailaora flamenca. Ao día seguinte, o programa de cine do Womex proseguirá coa produción Kite Zo A, de Kaveh Nabatian, e rematará o sábado 28 coa película Ethiopiques Magnetic Suite, produción de 2023 de Stéphane Jourdain.