
Programa 2. A defensa de Madrid
73´. Entrada gratuíta.
A defensa de Madrid
Duración: 1h 12’50”.
A defensa de Madrid constitúe o feito máis destacado da guerra. Iniciada en outubro de 1936, a cidade non cae até o 28 de Marzo de 1939, uns días antes de rematar a guerra. Participan na defensa de Madrid as Brigadas Internacionais e sinaladas figuras de intelectuais españois e estranxeiros, facilitando unha importante creación artística sobre o tema. Relacionadas coa defensa da capital sucédense batallas tan importantes como as de Guadalaxara, Jarama, Brunete, etc…, cunha gran concentración de forzas por ambos os contendentes, participando desde os anarquistas cataláns e as Brigadas Internacionais a tropas regulares mouras. O centro da defensa desenvólvese entre os meses que van de outubro de 1936 a maio de 1937, converténdose posteriormente nunha fronte máis estable até o final da guerra. A consigna NO PASARÁN, lanzada para defender Madrid, convértese no primeiro berro da República.
DEFENSA DE MADRID (Segunda Parte)
(España, 1936)
Dirección: Ángel Villatoro. Produción: Socorro Rojo Internacional coa colaboración da Alianza de Intelectuales Antifascistas para la Defensa de la Cultura. Duración: 10’41”.
Documental de propaganda que anima a poboación á defensa de Madrid, á protección das obras de arte e dá instrucións para protexerse dos bombardeos. Celébrase un mitin da Alianza de Intelectuais Antifascistas, no que interveñen Lafargue, Aragón ou Regler, mentres Alberti recita en directo o poema “Madrid, corazón de España”.
IN DEFENCE OF MADRID
(España, 1936)
Produción: Laya Films (Comisariat de Propaganda de la Generalitat de Catalunya). Duración: 9’56”.
Documental sobre os bombardeos e a defensa de Madrid. As rúas exhiben carteis instando á mobilización; un aviador republicano, con impactos na fuselaxe do seu caza, explica a súa actuación contra os bombardeos inimigos. Prodúcense novos recrutamentos e o batallón Thaelmann prepara a súa saída para a fronte.
AYUDA A MADRID
(España, 1936)
Produción: Sindicato de la Industria del Espectáculo de Barcelona, CNT/FAI. Fotografía: Félix Marquet, Juan Pallejá. Duración: 7’16”.
Descrición das actividades das organizacións a cargo da CNT/FAI de Barcelona, relacionadas co envío de víveres a Madrid nos primeiros meses do ataque polas forzas reaccionarias á cidade.
MADRID. CERCO Y BOMBARDEAMIENTO DE LA CAPITAL DE ESPAÑA
(España, 1937)
Produción: Films Patria. Duración: 16’18”.
Filmación de finais de 1936 e principios do 37 montada e sonorizada con posterioridade. Imaxes dunha viaxe desde Salamanca a Madrid pasando por Ávila, Navalperal e O Escorial, onde diversos personaxes fan o saúdo falanxista. Ruínas e armamentos destruídos na loita. Tropas africanas e falanxistas en Carabanchel e a Cidade Universitaria. A locución describe a defensa de Madrid como un acto criminal contra a súa poboación. Non hai imaxes de combate, só vistas da capital desde a fronte nacional.
MADRID
(España, 1937)
Dirección: Manuel Villegas López. Produción: Cinema Español. Subsecretaría de Propaganda. Duración: 28’39”.
Documental con comentario do propio Villegas López destinado a manter o espírito de combate e conmemorar a heroica resistencia de Madrid durante o primeiro ano de asedio nacional. Nunha sucesión cronolóxica, describe o avance fascista cara á capital, a preparación da defensa madrileña, a alarma e desaloxos ante os primeiros bombardeos, as imaxes de vítimas e ruínas das zonas centro e norte da cidade.