
Vai e Vem. Carta branca a Chema Prado
Do 21 de marzo de 2019 ao 10 de maio de 2019
Tomando emprestado o título da última película de João César Monteiro, Vai e Vem, a carta branca a Chema Prado (Rábade, Lugo, 1952) ten a intención de ser un tributo a quen fora entre 1989 e 2016 o director da Filmoteca Española e antes diso, desde 1975, programador da devandita institución. A homenaxe, que se realiza en colaboración co concello da Coruña, que nas mesmas datas organiza no Pazo Municipal de María Pita unha exposición coa obra fotográfica de Prado, quere ser tamén un recoñecemento a un bo amigo do CGAI-Filmoteca de Galicia. Durante eses 27 anos como director da Filmoteca Española non só transformou radicalmente a institución (Cine Doré, Palacio del Marqués de Perales, Centro de Conservación y Restauración), senón que apoiou en todo momento á filmoteca da súa terra natal ao formar boa parte do seu persoal, colaborar en restauracións e constituír un dos seus principais valedores no seu ingreso como institución asociada da Federación Internacional de Archivos Fílmicos (FIAF).
Mais, dalgún modo, esta carta branca que se programa entre o 21 de marzo e o 10 de maio e que agrupa unha vintena de sesións é un recoñecemento ao seu labor anterior como programador que o levou a relacionarse con algúns dos mellores e máis radicais cineastas dos setenta e oitenta, moitos dos cales mostraron as súas películas por primeira vez en España nas pantallas nómades da Filmoteca Española. Son varios deses nomes os que agora conforman este ciclo, do que se pode dicir que son todos os que están, malia non estaren todos os que son, e que en boa medida se conforma con copias cedidas por diversas cinematecas internacionais (Portugal, Suíza, Holanda, Bélxica...).
Desa relación con tantos cineastas xurdiu unha fonda amizade cuxo mellor testemuño son as fotografías que se expoñen no Pazo Municipal coruñés. Entre este espazo e o CGAI hase establecer durante case dous meses un diálogo que se estenderá tamén ao Teatro Colón, onde se proxectarán dúas das películas do ciclo, El cielo protector e Stop Making Sense, que poden verse, así mesmo, como senllas homenaxes aos dous dos grandes amigos de Chema Prado, Bernardo Bertolucci e Jonathan Demme, ambos falecidos no curso dos dous últimos años.
As primeiras sesións do ciclo serán presentadas polo propio Chema Prado, que, na sesión inaugural, La flor de mi secreto, estará acompañado por Marisa Paredes, protagonista da película de Pedro Almodóvar, cuxa productora, El Deseo, cedeu xentilmente unha copia restaurada.
___
Agradecementos: Chema Prado, Marisa Paredes; Bettina Kolhhaas/Teatro Colón; José Manuel Sande/Concello de A Coruña; El Deseo; Francisco Hoyos; André Schäublin, Frédéric Maire/Cinémathèque suisse; Paulo Branco; Sara Moreira, José Manuel Costa/Cinemateca Portuguesa; Marleen Labjeet, Sandra den Hamer/Eye Filmmuseum.

La flor de mi secreto

Carta a Freddy Buache

La morte rouge (Soliloquio)

El cielo protector

Pasos de baile

Il bacio di Tosca

Tú no eres yo

Heart of a Dog

Lou Reed Berlín

El estado de las cosas

Dead Man

O Território

Va y viene

El día de la desesperación

Route One / USA

El techo de la ballena

Dyn Amo

Stop Making Sense

Elle a passé tant d'heures sous les sunlights...

Je, tu, il, elle

Mi vida es mi vida

Pull My Daisy

Conversations in Vermont

Life Dances On

Arrebato
