
Elle a passé tant d'heures sous les sunlights...
Elle a passé tant d'heures sous les sunlights...
Mireille Perrier, Jacques Bonnaffé, Anne Wiazemsky, Lou Castel, Philippe Garrel, Chantal Akerman, Jacques Doillon
- 130 minutos
Un mozo director está a rodar un filme coa súa amiga Christa. Na película dentro da película hai dúas parellas, unha real e outra imaxinaria. Ao tempo, a ficción está contada a través de cinco soños e resulta ser tanto o relato dunha película en produción coma o do nacemento dun fillo.
- Ano:1985
- Países de produción: Francia
- Guión: Philippe Garrel
- Fotografía: Pascal Laperrousaz
- Montaxe: Philippe Garrel
- Produtora(s): G.I.E.
-
Philippe Garrel. Nouvelle Vague, Post-Nouvelle Vague y los amigos que ya no están.
Entrevista por Pablo Marín Castro en La Fuga.
Extracto do filme
Versión orixinal en francés sen subtitular.
O amor, logo do amor
Santiago Fillol
Sinto que Elle a passé tant d'heures sous les sunlights (1984) é o primeiro intento de Garrel de imprimir nun filme a experiencia, en bruto, da paternidade: ese invisible de prever que sucederá a partir de alí. A Garrel non lle interesa, nin lle preocupa, como “representar” a chegada dun fillo, senón a impresión, forte e vaga, de asumir un porvir; de asumir un estado de ánimo moi íntimo e confuso, que escintilea sobre toda unha xeración e a constitúe. Creo que Elle a passé... é o intento máis sincero e despoxado por evitar que o cine se afaste da vida. Un intento de evitar ese “filme ou fillo”, que o atormentou nas súas primeiras obras. (…)
Creo que Elle a passé... é o filme tabula rasa da xeración post nouvelle vague. A primeira película en que asumen ser xeración. E é Garrel quen sente a necesidade de dar cita nas súas imaxes a Chantal Akerman, a Jacques Doillon, e ao suicidio de Jean Eustache. É a primeira vez que a filiación xira cara a un sentimento de pertenza, cara un gregarismo constituínte. Como facer cine logo da nouvelle vague? Como asumir a condición incerta, bressoniana, desas vidas? En Elle a passé... tense a sensación dun cine novo que comeza a salvarse, a referendarse a si propio, por primeira vez: en La maman et la putain (Jean Eustache, 1973), o personaxe de Léaud non deixaba de facer referencia ás películas da “cinemateca nouvelle vague”. En Elle a passé..., Garrel, Akerman, Doillon comezan, timidamente, a falar das súas propias películas; do cine que vai de Eustache cara a diante. (…)
Elle a passé tant d'heures sous les sunlights condensa a perda do amor da vida de Garrel, Nico, e o nacemento do seu fillo, Louis... O traxecto entre a perda e a teimuda pulsión de sobrevivir a esta sucede entre as imaxes de Marie, o personaxe que se suicida chimpándose por unha fiestra ao final do filme, e a foto do propio Garrel, termando do seu fillo no colo, coas estrofas de “Le petit chevalier” de fondo, cantadas polo pequeno Louis... É a mesma fotografía que abre o episodio de Cinéma de notre temps dedicado á súa obra: case un emblema do seu afán desesperado de se aferrar á vida, e ao amor, logo do amor. Ninguén coma Garrel bateu ás con tanta forza para que siga correndo vida, confusa, vaga ou avolta, por unhas imaxes de cine. Destas sensacións fala Elle a passé...: de ir perdendo a inmediatez coa vida, e de non querer perdela.
“El amor, después del amor”, por Santiago Fillol, en Casas, Quim (coord.), Philippe Garrel. El cine revelado, Festival Internacional de Cine de Donostia-San Sebastián, 2007, pp.185-189.