A Filmoteca de Galicia inicia mañá as proxeccións da súa primeira carteleira mensual de 2024, na que sobresae a retrospectiva que se lle dedica ao director nipón Masahiro Shinoda, en colaboración coa Fundación Xapón. Esta escolma insírese na sección Esenciais da cinemateca da Xunta, no marco da que tamén en xaneiro arranca un especial sobre o realizador alemán Wim Wenders, que terá continuidade en febreiro.
Este mes conclúe, ademais, o ciclo dedicado ao cineasta italiano Pier Paolo Pasolini, proxéctase a terceira entrega de Cancións de Pedro Costa e ponse en marcha a nova sección Materiais para una historia do cinema en Galicia, co obxectivo de lle dar unha maior visibilidade ao patrimonio audiovisual que conserva o arquivo da Filmoteca.
O ciclo Esenciais: Masahiro Shinoda exhibirá desde mañá e ata o vindeiro día 25 unha selección de sete películas deste cineasta xaponés, cinco delas en 35mm e todas con subtítulos en galego. Shinoda, quen desenvolveu a súa carreira ao longo máis de 40 anos nos que dirixiu máis de 30 longametraxes, está inevitablemente asociado á etiqueta Nova Onda Xaponesa, a coñecida Nuberu Bagu dos estudos Shochiku, que durante a década dos 60 lles deu carta branca aos novos realizadores para romper co cinema tradicional. No caso de Masahiro Shinoda, isto significou rachar coas barreiras dos xéneros tradicionais como o yakuza, o jidai geki ou drama histórico, e o chambara ou películas de espadachíns, para falar de temas universais como a moralidade en tempos de crise, a desorientación das xeracións máis novas durante os anos posteriores á II Guerra Mundial ou o sacrificio das personaxes protagonistas.
Novas dixitalizacións
A outra novidade da carteleira é o inicio dunha nova sección, Materiais para unha historia do cinema en Galicia, que cunha periodicidade mensual compartirá co público unha parte do arquivo da Filmoteca de Galicia en sesións caracterizadas pola súa heterodoxia: curtas e longametraxes, ficcións e documentais, cine doméstico e cinema industrial, fragmentos e outro tipo de materiais que reconstrúen a historia do cine feito en Galicia. Este novo contedor da programación da Filmoteca fará especial fincapé nas novas restauracións ou dixitalizacións realizadas no marco do Hub Audiovisual de Galicia, financiado no marco do eixo REACT-UE do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). É o caso da primeira sesión, a do venres 12, na que se presentarán as novas dixitalizacións de dúas películas mudas, Tinturería España e A traxedia de Xirobio.
Así mesmo, en xaneiro remata o ciclo dedicado ao cineasta italiano Pier Paolo Pasolini coas súas sete últimas longametraxes, entre as que se inclúen Teorema, a triloxía da vida (O Decameron, Os contos de Canterbury e As mil e unha noites) ou a súa polémica última película, Saló ou os 120 días do Sodoma.
Presentacións de Nicolás Zukerfeld e Malena Solarz
A sección Fóra de serie estará protagonizada por tres obras dos cineastas e docentes arxentinos Nicolás Zukerfeld e Malena Solarz, que visitarán a Filmoteca para presentar os traballos que se exhiben nas sesións do día 19, co documental de Zukerfeld No existen treinta y seis maneras de mostrar cómo un hombre se sube a un caballo e a curtametraxe Una película hecha de, dirixida por ambos, na que un cineasta pasea pola cidade de Vigo pensando en puntos de partida para un posible filme cunha canción de The Kinks como fío condutor. O día 20 os dous directores presentarán e manterán un coloquio cos espectadores arredor de Álbum para la juventud, de Malena Solarz.
Esa mesma semana, a creadora coruñesa Ronsel Pan terá tamén un encontro co público co gallo da exhibición dos seus traballos Poder, exércitos privados e Coca-Cola e #industrial, que poderán verse o día 18 dentro do apartado Off Galicia. Ademais, Filmoteca Júnior presenta o sábado 13 a fita francesa de animación El pequeño Nicolás, dirixida por Amandine Fredon e Benjamin Massoubre.
Pola súa banda, os cineastas experimentais James Benning e Sharon Lockhart protagonizan as dúas proxeccións da sección Desencadres, co filme de Benning 11x14 o día 26 e Double Tide, de Lockhart, o día 30.
Na recta final de xaneiro, a Filmoteca ofrecerá tamén a longametraxe galega Á procura da estrela, que será presentada polo seu director, Carlos Martínez-Peñalver, o día 31, e o inicio do ciclo Esenciais. Wim Wenders, que logo da proxección de París, Texas, unha das súas películas máis coñecidas, os días 27 e 30 de xaneiro, terá continuidade no mes de febreiro con outros sete dos seus títulos.
Fotografía: ©1960 松竹株式会社 ©1960 Shochiku Co., Ltd.