![Mi vida es mi vida](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/five_easy_pieces.jpg?itok=9HRSnaUJ)
Mi vida es mi vida
Five Easy Pieces
Jack Nicholson, Karen Black, Susan Anspach, Lois Smith, Billy Green Bush, William Challee, Helena Kallianiotes.
- 98 minutos
Bobby Dupea traballa nunha explotación petrolífera, mais no pasado foi un prodixio do piano nunha familia acomodada. Descontento, sentindo que non encaixa en ningures, en permanente fuxida de si mesmo, compórtase de xeito rebelde e irresponsable, ata que decide volver á casa.
Atinado retrato da alienación da clase media norteamericana nos anos setenta e un dos primeiros e máis descoñecidos exemplos do New Hollywood, agora reivindicado por moitos pola súa aparente sinxeleza que, no fondo, encerra o complexo retrato de toda unha xeración, co icónico personaxe de Jack Nicholson á cabeza.
- Ano:1970
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: Adrien Joyce
- Fotografía: László Kovács
- Montaxe: Christopher Holmes, Gerald Shepard
- Produtora(s): BBS Productions
-
Bob Rafelson’s ‘Five Easy Pieces’ is the quintessential film of the so-called American New Wave
Extenso texto na web Cinephilia & Beyond en que se inclúen varias referencias externas sobre a obra (en inglés).
-
The Monologist and the Fighter: An Interview with Bob Rafelson
Entrevista a Bob Rafelson por Rainer Knepperges e Franz Múller en Senses of Cinema (en inglés).
-
Edición en blu-ray de Criterion Collection
Con ligazóns a diversos ensaios sobre o filme (en inglés).
Five Easy Pieces: a soidade
Kent Jones
A soidade. Dos homes, ás veces mulleres, que rexeitaron asentarse nun lugar, un papel, unha identidade “estable”. Pasaron pola miña vida durante algúns anos cando era un cativo – carpinteiros, coidadores de nenos, terapeutas, pacientes psiquiátricos –. Algúns deles foron os meus profesores.
Eran felices ou infelices, bos ou malos? Ningunha destas. Estaban descontentos coas opcións que se lles ofrecían. Eran perfectamente conscientes deste descontento e tentaban atopar unha maneira de actuar conforme con esa conciencia. Agora, en 2010, cando a conformidade chega nun interminable despregue de formas, tamaños e estilos, estas persoas estarían clasificadas na etiqueta dos “sesenta” e despois asignadas nun dos seguintes subapartados: egoísta, perdido, narcisista, alcólico, bipolar, privilexiado, perturbado etc. Mais non é así como os lembro. Daquela ninguén os categorizaba, celebraba ou condenaba. Simplemente mirábalos ou escoitábalos e lías o seu disentimento persoal nos seus ollos, os seus silencios, os seus xestos. (...)
Five Easy Pieces foi e é unha gran película porque dá unha visión clara e sen obstrucións deste particular tipo de existencia americana, aparecida nun momento concreto da nosa historia en que as expectativas de clase e familiares pesaban moito máis do que agora. (...) En 1970, foi unha revelación. Hoxe, mantense como unha experiencia devastadora, en parte porque contén toda unha forma de vida nos seus 98 minutos.
“O comportamento irresponsable non exclúe a clara sensación de que Nicholson se sente conmovido e perplexo polas persoas”, escribiu David Thomson con tanta perspicacia sobre o marcadamente ambivalente personaxe de Jack Nicholson, Bobby Dupea. Non se podería dicir o mesmo do Benjamin de El graduado ou do Driver de Carretera asfaltada en dos direcciones, outros dous famosos heroes irresolutos da época, e é que a diferenza é reveladora. Five Easy Pieces non é unha declaración sobre América senón un informe que observa con atención. Ou, quizais, unha confesión. Ver o filme é como estar forzado a sentar cun estraño e escoitar a historia da súa vida sen resolver. (...)
En 1970, os ventos estaban soprando en ambas as dúas direccións no Atlántico: Antonioni, Agnès Varda e Jacques Demy viñeran recentemente a California (Eastman traballara con Demy no seu filme “americano”, The Model Shop); Point Blank (polo británico John Boorman) e Petulia (polo expatriado americano Richard Lester) emulaban a Resnais, e L'avventura de Antonioni e o 8½ de Fellini convertéranse en referencias. Rafelson e os seus colaboradores na recentemente formada BBS Productions seguiron os exemplos europeos ao quitar das súas películas adornos xenéricos e inspirarse na vida que os rodeaba e crearon un novo e distintivo modo americano de facer cine no proceso. O seu cine – que tamén incluiría La última película de Bogdanovich, o Drive, He Said de Nicholson, ou a máis tardía de Rafelson The King of Marvin Gardens – era bastante contemplativo e pacientemente observacional respecto de personaxes e lugares que dificilmente tiñamos visto, se é que algunha vez fora o caso, en filmes de Hollywood. (...)
“Non hai moral nesta novela”, escribe Philip K. Dick ao final de Una mirada a la oscuridad, un traballo similar da mesma época. “Non é burgués, non di que [os personaxes] deberon esforzarse en troques de andar xogando; simplemente conta cales foron as consecuencias” – unha descrición igualmente axeitada para este inquietante fito que ecoa nos nosos días. E despois Dick expresa unha sensación que estou seguro tocaría a fibra sensible de Rafelson e Nicholson: “Eu mesmo non son un personaxe nesta novela; son a novela. Así, diría, se sentía toda a nación naquel momento”.
(Publicado por Criterion Colletion)