![El día de la desesperación](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/o_dia_do_desespero.jpg?itok=y16te0hb)
El día de la desesperación
O Dia do Desespero
Teresa Madruga, Mário Barroso, Luís Miguel Cintra, Diogo Dória
- 75 minutos
Retrato dos últimos días do escritor romántico portugués Camilo Castelo Branco.
___
Copia cedida pola Cinemateca Portuguesa.
- Ano:1992
- Países de produción: Francia, Portugal
- Guión: Manoel de Oliveira
- Fotografía: Mário Barroso
- Montaxe: Manoel de Oliveira, Valérie Loiseleux
- Produtora(s): Madragoa Filmes, Gemini Films
-
Manoel de Oliveira: maestro maldito del cine portugués
Artigo de Joseph B Macgregor (Cine Maldito), con capítulo dedicado a O Dia do Desespero, sobre a obra do autor.
Fragmento do filme
Versión orixinal subtitulada ao español.
Conversas con Manoel de Oliveira
Antoine de Baecque e Jacques Parsi
Con Amor de Perdição, en 1978, establécese o encontro coa obra e co personaxe de Camilo Castelo Branco. Ao cabo, un encontro bastante serodio.
Camilo é unha figura moi importante na literatura portuguesa. Amor de Perdição é, na miña opinión, un gran libro. Camilo era a lectura de cabeceira de José Régio. Admirábao inmensamente. Moito antes, xa el, nunha ou dúas ocasións, me tiña desafiado a facer Amor de Perdição, mais eu era novo e estaba atraído, digamos, pola “avant-garde”. Non o escoitei.
Cando vin o filme de António Lopes Ribeiro, en 1943, exactamente un ano despois de Aniki-Bobó, aquilo non me dixo nada. Parecíame algo de vellos. Precisaba algo que estivese vivo.
Por fin, ao rodar O Passado e o Presente, que era un filme irreverente, comprendín como chegar a Camilo Castelo Branco. Tiña, daquela, xa unha visión nova. Fixen un guión e confronteino, coma con Benilde e O Passado e o Presente, cun texto que precisaba transformar en narrativa. Tentei, primeiro, facer algo coma O Passado e o Presente, despois acabei por aceptar o documento literario como tal. Xa vira o filme de Straub e Huillet, Crónica de Anna Magdalena Bach, e quedei seducido pola súa posta en marcha. De súpeto, vin o libro con outros ollos. (...)
Volvendo a Camilo Castelo Branco, é bastante raro ver un personaxe pasar dun filme a outro. Case só Truffaut o fixo con Antoine Doinel. Por que integrou na súa obra a presenza, dun filme a outro, dun escritor que está aí como personaxe, en Francisca e despois en O Dia do Desespero?
Non o fixen cun propósito deliberado. Camilo, pola súa obra e vida, é unha figura bastante estraña. É un gran escritor cuxa vida foi aventureira e romántica. Xa pensei en contar a súa vida romántica e novelesca nun filme. Talvez o faga un día. Cando tiña preto de vinte anos, apaixonouse por unha muller que morreu pouco tempo despois, cando estaba lonxe dela. Quixo volver vela unha última vez e mandou abrir o ataúde. Era un espírito bastante complicado, bastante rico. Home político e polémico, a súa vida foi moitas veces ameazada. O rei, que tiña consideración por el, foi visitalo á prisión do Porto, cando foi prendido por adulterio. (...)
Camilo é un personaxe ben coñecido polos portugueses.
A poucos intelectuais lles gusta verdadeiramente Camilo. En xeral, opóñenselle e prefiren a outro romántico contemporáneo, Eça de Queirós. Persoalmente, a min gústame menos. Eça é un perfeccionista. A súa obra é máis equilibrada que a de Camilo, que escribía moitas veces para gañar a vida, que escribiu cousas formidables, mais que non traballaba moito. A súa escrita saíalle de xeito repentino. Eça, polo contrario, traballaba as súas frases, mais non posuía a profundidade de Camilo. Recoñecía que lle faltaba, ás veces, asunto: “sei escribir ben, mais o que?”
En de Baecque, Antoine e Parsi, Jacques, Conversas com Manoel de Oliveira, Campo das Letras, 1999, pp. 173-178.