Territorios mutantes
Do 18 de decembro de 2025 ao 26 de xuño de 2026
O presente ciclo nace como unha continuación natural do proxecto iniciado con ‘Close-up, cine e perspectiva de xénero’, que a tempada pasada e durante nove meses, brindounos a oportunidade de converter a Filmoteca de Galicia nun espazo de diálogo en torno ao modo no que as películas moldean e transmiten ideas sobre o feminino, o masculino e outras identidades, e como estas representacións afectan a nosa visión do mundo. Aquela experiencia deixou en evidencia varias conclusións: por unha banda, a necesidade de abrir a reflexión cinematográfica ás preguntas e preocupacións que atravesan a sociedade contemporánea, máis aló do xénero; e por outro, o gran potencial de articular encontros que combinen a proxección de obras e conversas con creadores e pensadores, de modo que se configure un espazo vivo para a reflexión crítica.
Con esta nova proposta, que se desenvolverá entre os meses de decembro e xuño, propoñemos ampliar o foco para pensar ao redor das mutacións culturais, sociais e tecnolóxicas do presente. Vivimos un tempo no que as identidades, os corpos, as relacións de poder e mesmo as categorías do humano se atopan en permanente e apaixonante transformación. O cinema, en tanto que ferramenta privilexiada de reflexión, permítenos achegarnos a asuntos como a emerxencia de discursos ao redor das novas masculinidades, o queer como oposición ao binarismo restritivo, a irrupción da intelixencia artificial como axente creativo e político, a introdución da lectura poscolonialista da Historia e a cultura e as súas consecuencias ou o debate filosófico sobre o lugar que ocupamos como especie e a inclusión das teorías poshumanistas.
Se o ciclo anterior se centrou na revisión crítica dos modos de representar o xénero no cine, ‘Territorios mutantes’ propón un desprazamento cara a un horizonte máis amplo, no que a perspectiva de xénero seguirá estando presente, pero xa non será o seu eixo fundamental. Tomamos prestado o nome do ciclo que o pasado mes de abril dedicou a Filmoteca de Galicia ao cine de Albertina Carri, protagonista tamén dun dos encontros de ‘Close-up’, que levaba por título ‘Territorios mutantes e cartografías queer’. Desta maneira, queremos conectar con ese ideario de transgresión e hibridación que transita pola súa filmografía para aplicalo a unha reflexión que converta o cine en laboratorio de análise que nos permita cuestionar certezas e imaxinar futuros.
A estrutura que propoñemos para esta nova edición varía lixeiramente con respecto á anterior, como necesidade de dar resposta a un novo reto. Cada un dos catro bloques temáticos do ciclo estará composto por unha sesión dupla. O primeiro encontro organizarase ao redor da proxección dunha película acompañada da presenza do seu director ou directora, con quen manteremos un coloquio co obxectivo de profundar tanto nos aspectos artísticos, formais e estilísticos como nas intencións conceptuais da obra. Esta aproximación serviranos como punto de partida para vertebrar o debate sobre o tema central do bloque.
No segundo encontro, o foco desenvolverase en torno á análise teórica e crítica do tema mediante unha conversa e unha entrevista en profundidade cunha personalidade do mundo da cultura e o pensamento. Escritoras, filósofos, ou artistas doutras disciplinas diferentes ao cine, que achegarán unha visión distinta do tema proposto, unha mirada desde outro prisma que nos permitirá tender pontes entre a linguaxe cinematográfica e outros ámbitos do coñecemento e a arte. Así, cada dupla sesión conformará un espazo onde a reflexión se retroalimentará desde diferentes disciplinas artísticas. Ademais, propoñeremos tamén unha ‘carta branca’ de maneira que sexa a invitada quen propoña a película que acompañará, complementará e pechará, coa súa proxección ese día, toda a reflexión proposta coa dupla sesión.
O ciclo aspira a seguir sendo ese lugar de encontro no que o cine e a reflexión crítica nos axuden a comprender mellor o presente ‘mutante’ e a imaxinar posibles futuros, sempre de maneira colectiva, e contando coa participación esencial do público.
Jara Yáñez e Elsa Tébar
La mecánica de los fluidos
for here am i sitting in a tin can far above the world
+10k
Encontro con Gala Hernández López
Encontro con Alfredo Ramos