Lumumba: La mort du prophète
Patrice Lumumba, Raoul Peck, Pierre Devos
- 69 min.
Documental sobre o político congolés Patrice Lumumba, primeiro presidente do Congo tras a súa independencia de Bélxica en 1960. O filme retrata o contexto da descolonización e indaga nas circunstancias que levaron ao asasinato do líder, nun complot armado entre forzas belgas e a CIA, que non querían un comunista no poder dun dos países máis ricos do mundo en materias primas estratéxicas. Construído a través de lembranzas, material de arquivo, entrevistas e filmacións nas rúas de Bélxica. Un dos documentais máis aclamados do prestixioso realizador haitiano Raoul Peck.
- Ano:1991
- Países de produción: Alemaña, Congo (Kinshasa), Francia, Suíza
- Guión: Raoul Peck
- Fotografía: Philippe Ros, Matthias Kälin
- Montaxe: Aïlo Auguste-Judith, Eva Schlensag, Raoul Peck
- Produtora(s): Velvet Film, Cinémamma, La Sept TSR
-
Crítica do filme
Jaime Pena (Caimán. Cuadernos de cine)
Discurso íntegro de Patrice Lumumba na proclamación de independencia do Congo
Africa Museum (en francés, con subtítulos en inglés)
Unhas palabras sobre o filme
Raoul Peck
Os meus referentes eran cineastas comprometidos: os cubanos, Santiago Álvarez, algúns alemáns bastante de esquerdas. Pero ese cinema topárase cun muro. Sentía que a brecha entre o público potencial e esa xente se facía cada vez maior. Xa só se podía convencer aos que xa estaban convencidos. Eu sempre pensei que había que ir onde está a maioría. Tentei chegar a esa maioría, ofrecerlle cinema, sen contradicións nin concesións, co que temos que dicir. Ese é o exercicio: falarlle a todo o mundo, apuntar ao público máis amplo posible. O límite está aí onde habería que facer demasiadas simplificacións ou concesións. Ese límite nunca o excedín. Do que estaba seguro é de que tería que atopar o meu propio camiño, sen venderme, xa que veño dun país sen cinema, dun Terceiro Mundo sen cinema. Non dispoñía dos medios de produción, tería que atopar diñeiro noutra parte, un diñeiro que querería controlarme.
Estudei nunha escola de cinema en Berlín e tiven sorte: a miña escola era potente en documentais, potente en política. Tiña aos meus precursores, como Chris Marker, Alexander Kluge, Harun Farocki, toda unha gama de documentalistas que foron importantes, non só para min, senón para moitos outros. O que sobre todo aprendín deses cineastas é que se pode facer de todo e seguir dentro do cinema. (…)
Para min, o cinema non é simplemente sentar detrás dun escritorio e imaxinar: é algo corporal, é algo emocional. Polo tanto, un colócase nunha posición de loita, de creación. Tomei dúas decisións importantes, desde o principio, para Lumumba, la mort du prophète. A primeira foi controlar esta película, é dicir, producila eu mesmo, para non ter que discutir ningunha decisión con ninguén, nin pedir permiso a ninguén. E, en segundo lugar, decidín que, como se trataba dun proxecto difícil, ía aproveitar todo o que xurdise do tema. Pero non puiden ir rodar ao Congo, renunciei á viaxe. Así que necesitaba imaxes; xa non podía facer esa película sen elas. Pois ben, deille a volta a esa limitación. Utilicei ese magnífico poema do leste do Congo: «Nunca puidemos enterrar a Tolenga, así que segue a rondar por aí». Retomei esa idea da alma de Lumumba que dá voltas, xa que o corpo desapareceu; a alma dun Lumumba que non busca vinganza, que anda preto da casa dos seus pais, pola dos seus cómplices… Así é como se desenvolveu o guión. (…)
Eu, como son de Haití, é dicir, dun país onde o cinema é practicamente inexistente, cando fago unha película de ficción sobre Lumumba, é para crear unha película que os nenos de 12 anos poidan ver e na que se recoñezan, unha película que eu non puiden ver. Ademais, como sei que non haberá miles delas, quero facer unha película que perdure. Por iso, debo adoptar un enfoque máis universal que o de limitarme a relatar un acontecemento ou un personaxe.
Teño que darlle esa dimensión. Estas películas sobre Lumumba (tanto a ficción como o documental) non pasan de moda, ao cabo, porque conto unha historia real. Os meus documentais son diferentes porque non os dato. Formúloos de tal maneira que vinte anos, corenta anos despois, conserven esa forza. A Odisea —sen querer compararme con ela!— esperta a mesma emoción, sexa cal for o século en que se lea. Iso é o que hai que conseguir, mesmo nun documental.
En entrevista con Jean-François Bastin para Revue Politique (1 de marzo de 2018), tradución propia do francés.