West Indies
West Indies ou les Nègres marrons de la liberté
Robert Liensol, Roland Bertin, Philippe Clévenot, Hélène Vincent, Théo Légitimus, Georges Hilarion
- 116 min.
O filme máis radical, ambicioso e operístico do mauritano Med Hondo. Para a súa produción reconstruíuse un navío escravista nunha fábrica abandonada de Citroën. Movéndose polo barco, a cámara traza en planos secuencia o devir das Indias Occidentais, escoitando diversos relatos orais de figuras históricas e anónimas, nun baile no que o vestiario e a dirección artística cambian en directo no set para se adecuar ao paso do tempo. A fita regala traballados números musicais, atendendo así á herdanza artística dos pobos escravizados, especialmente á música como elemento cohesionador dunha historia oral de resistencia compartida.
- Ano:1979
- Países de produción: Argelia, Francia, Mauritania
- Guión: Med Hondo, Daniel Boukman
- Fotografía: François Catonné
- Montaxe: Youcef Tobni
- Produtora(s): Les Films Soleil O, R.T.A., Yanek Films
-
Notas de programa
British Film Institute (en inglés)
Tráiler restauración
Subtítulos en inglés
Palabras do director
Med Hondo
O esencial para min nesta película é mostrar como loitan os pobos e como o inimigo se apropia desas loitas. Onte, miles de seres humanos foron secuestrados e encadeados. Hoxe xa non hai cadeas, nin cans, nin cabeiros de animais, nin barcos negreiros; pero hai avións, travesías, miles de homes fóra de África. Vivo e vivín a situación dos antillanos. Ao atoparnos todos en París, vivimos unha situación idéntica de emigrantes. A partir do coñecemento social desta situación xurdiron a identificación e a vontade de facer esta película.
A continuación, durante sete anos, acumulei documentos, lin libros, recompilei testemuños, aprendín crioulo, para poder comprender aos antillanos, coñecer as súas dificultades e ver como o seu caso particular se une á situación xeral do continente africano. (…)
A película trata sobre a escravitude de onte e a escravitude de hoxe, sobre as loitas seculares dos pobos dominados. Por que un barco negreiro? África foi saqueada, hai tres séculos, da súa principal materia prima: o ser humano. Centos de miles de seres humanos, na flor da vida, foron levados por todo o mundo en barcos negreiros.
Por que rodar esta película nunha fábrica? Porque desde aquela época, as riquezas de África e das Antillas, ben sexan homes ou materias primas, «acaban nas fábricas».
Por outra banda, se esta historia se desenvolve nun barco negreiro é porque este escenario me permite representar as estratificacións sociais, históricas e políticas: os que mandan, na cuberta; os que sofren, na adega do barco: os pobos.
Tamén hai estratificación a nivel da expresión. Canto máis se ascende na xerarquía e no barco, máis fala a xente en francés; canto máis se descende, máis fala a xente na súa lingua. De feito, se se estudan os pobos oprimidos, sexan cales sexan, obsérvase que nunca deixaron de loitar a través de múltiples formas, e que quen os oprime nunca deixou de atopar medios de represalia. O dominante atopa novos medios para manter ao dominado na súa situación, cambiando os medios da súa dominación, inventando novas formas; pero a dominación, pola súa banda, segue sendo a mesma. O caso concreto das Antillas inscríbese no contexto xeral das loitas pola independencia dos pobos.
En conversa con Catherine Ruelle. Entrevista aparecida no número 8 da revista CinémAction (1979), pp. 94-95.