Dahomey
Lucrèce Hougbelo, Parfait Vaiayinon, Didier Sedoha Nassangade, Sabine Badjogoumin
- 68 min.
No século XIX, imperialistas franceses tomaron miles de artefactos do antigo reino de Dahomey para a súa exposición en museos parisienses. Agora varios destes artefactos están a ser repatriados á actual Benin.
O filme segue ese proceso de repatriación co rigor do cinema directo, mentres filma estatuas dotadas dunha voz poética, ao estilo do mítico filme de Chris Marker e Alain Resnais Les statues meurent aussi (1963). Engadindo tamén treitos dramatizados e coa gravación dunha asemblea sobre como resignificar este patrimonio e sobre os retos da súa conservación e exposición no continente africano; a fita acaba por abordar de xeito poliédrico as complexidades desta restitución histórica.
-
Territorios mutantes
Encontro con Rubén H. Bermúdez
Dahomey
Versión lingüística:VOSEFormato:DCPEntrada de balde.
- Ano:2024
- Países de produción: Francia, Senegal
- Guión: Mati Diop
- Fotografía: Joséphine Drouin-Viallard
- Montaxe: Gabriel Gonzalez
- Produtora(s): Les Films du Bal, Fanta Sy, ARTE France Cinéma
-
Crítica do filme
Violeta Kovacsics (Otros Cines)
Tráiler
VOSE
Notas da directora
Mati Diop
Cando escoitei por primeira vez o termo «restitución» en 2017, aínda estaba a escribir Atlantique. Como cineasta afrodescendente, esa palabra chegoume moi fondo. En esencia, este tema está presente en toda a miña obra. Ademais, as películas que realicei en Dakar entre 2009 e 2019 falan dun proceso de retorno: volver ás miñas orixes africanas, a unha parte de min mesma que permanecera enterrada durante demasiado tempo baixo a hexemonía da miña contorna occidental. A iso sumábase o inquietante eco entre a figura do revenant en Atlantique, cuxa escritura acababa de terminar, e o retorno dos artefactos africanos á súa terra natal. Restitución, revenance, retorno e reparación uníronse na miña mente. Por moi desconcertante que me resultase o anuncio de Emmanuel Macron en Uagadugú, o proxecto da «repatriación do patrimonio cultural africano nun prazo de cinco anos» foi un shock porque me dei de conta, con tristeza, de que nunca imaxinara a posibilidade de que algo así ocorrese na miña vida, pode que por resignación. Nunca imaxinara como sería realmente a restitución e, mentres tentaba visualizala, unha película xa se estaba cristalizando na miña mente. Ao principio, ideei escribir unha longametraxe que narrase a épica aventura dun artefacto, desde o seu saqueo a finais do século XIX ata o seu regreso a casa en 2075. Tiña que anticipar o futuro, simplemente porque me parecía moi improbable que se producisen restitucións inminentes ou mesmo que estivésemos vivos para presenciar un acontecemento tan histórico.
Aínda así, dixéralles ás miñas produtoras, Judith Lou Levy e Eve Robin, que se se levaba a cabo a repatriación dos obxectos (de Francia ao seu país de orixe), quería sen dúbida filmala, así que tiñamos que estar alerta, preparados. Estivemos pendentes da prensa ata que, de súpeto, anunciouse que vinte e seis tesouros reais de Abomey (Benín) foran seleccionados para a súa restitución o 10 de novembro de 2021, e tivemos que facer posible a rodaxe. Foi unha carreira contra o tempo: solicitar permiso ao Goberno beninés para escoltar os tesouros —o Goberno converteuse en socio da película, garantíndonos ao tempo a independencia na que insistimos— e organizar toda a loxística dunha rodaxe que ía de París a Cotonú, onde nunca antes estivera. Pouco despois de empezar a traballar na película, decidín crear unha produtora con sede en Dakar (Fanta Sy) para coproducila con Les Films du Bal, desde Francia.
A película foi tomando forma ao longo de dous anos, de 2021 a 2023, alternando fases de rodaxe e montaxe, á vez que se perfeccionaba cada vez máis o guión e a articulación dos diferentes rexistros da linguaxe na película, entre o documental e a fantasía. Os catro períodos de rodaxe programáronse para coincidir coa viaxe dos tesouros, comezando coa súa saída do Museo Quai Branly, seguida do traxecto nun avión de carga ata a súa chegada a Cotonú. De volta en París, o montador (Gabriel Gonzalez) e eu montamos os primeiros quince minutos da película. A segunda rodaxe, en Cotonú, consistiu en filmar a instalación dos obxectos no espazo expositivo do palacio presidencial por parte do equipo de conservadores benineses, entre os que se atopaban Calixte Biah, a quen seguira desde que saíron do Quai Branly, e Alain Godonou, o comisario da exposición. Unha vez rodada esa secuencia, quedei en Cotonú máis dun mes para preparar a segunda parte importante da película, que se centra en como ven os mozos de Benín a restitución dos tesouros. Decidín darlle a forma dun gran debate nun auditorio da Universidade de Abomey-Calavi.
Tras máis traballo de montaxe, en 2022 rodouse unha terceira secuencia: a exposición dos obxectos no palacio, que permitiu ao pobo de Benín reencontrarse cos seus tesouros repatriados, e unha secuencia fantástica inicial que discorre pola noite en Cotonú. A fase final da rodaxe consistiu en filmar outro debate na universidade para cubrir os ángulos que faltaban e completar o deambular nocturno do espírito dos tesouros polo palacio presidencial e a cidade. Paralelamente ás distintas fases de rodaxe e montaxe, traballei co autor haitiano Makenzy Orcel na redacción do texto da «voz dos tesouros».