Rainer Werner Fassbinder
Do 17 de marzo de 2026 ao 30 de maio de 2026
Hai quen opina que o Novo Cinema Alemán dos sesenta-setenta comeza e remata con Rainer Werner Fassbinder, sen dúbida un dos seus máximos representantes. Dende as súas primeiras curtas, como El vagabundo (1966), ata a súa póstuma Querelle (1982), o bávaro foi un deses autores totais que marcan unha xeración e un momento artístico: trinta obras de teatro, catro producións radiofónicas, máis de corenta filmes entre longas, curtas e creacións televisivas e unha infinidade de escritos e actuacións en fitas de colegas. Hai a broma cinéfila en Alemaña de retar á xente a nomear un filme independente dos anos setenta no que non saia Fassbinder dun xeito ou outro. Simplemente, era omnipresente, no físico, mais tamén no discursivo. A súa actitude desenfadada e o ataque á ríxida moral tradicional marcaron e influíron profundamente as producións autorais de altura no seu país.
Moitas veces comparado con Pier Paolo Pasolini, obviamente pola súa hiperactividade, mais tamén polo cuestionamento dos códigos morais imperantes e pola celebración da cultura queer; o cineasta teutón transitou por xéneros moi diversos, no que el definía como “filmes de cinema”, fronte a outra categoría que practicaba, a dos “filmes burgueses”. Entre os primeiros, noirs como El amor es más frío que la muerte (1967), Dioses de la peste (1969) ou El soldado americano (1970) sérvenlle dende o inicio da súa carreira para sacar o escalpelo ante á sociedade xermana, partindo de códigos do cinema hollywoodiense clásico, que el deturpa segundo as súas necesidades. Son estes filmes moi alemáns, coas clases baixas, o lumpen, como foco protagonista. Quizais esta sexa a principal diferenza fronte a fitas burguesas como Katzelmacher (1969) ou Atención a esa prostituta tan querida (1970), nas que o primeiro plano o ocupan mozos acomodados alienados que exercen dinámicas de poder desiguais ante outros individuos nunha posición inferior. Violencia habitualmente exercida a través do sexo, estes filmes escandalizaron no seu momento, ao igual que os de Pasolini.
Fassbinder inaugurou os setenta cunha serie de “melodramas distanciados” nos que intentaba facer aflorar os sentimentos a flor de pel do constrinxido carácter nacional a través dunha certa obxectivación, un estilo máis calmado. Con nulo medo a tratar tabús, entregou tres filmes redondos con temas ben incendiarios: o drama lésbico entre unha burguesa e unha rapaza proletaria de Las amargas lágrimas de Petra von Kant (1972), a relación entre unha muller maior e un mozo marroquí en Todos nos llamamos Alí (1973) ou a prostitución homosexual en La ley del más fuerte (1974). Ao tempo, multiplicaba a súa presenza televisiva con series atípicas como o sci-fi El mundo conectado (1973) ou o poliédrico retrato á sociedade alemá a través de parellas de idades e orixes moi diversas que fixo en Ocho horas no hacen un día (1972). Conforme avanza a década, vaise interesando máis na historia e identidade do seu país, con El matrimonio de Maria Braun (1978) como filme fundamental desta etapa, no que indaga nas feridas causadas pola Segunda Guerra Mundial.
O cineasta faleceu en 1982, coa montaxe do seu último filme, Querelle, sen rematar. Tiña só 37 anos, pero en pouco máis de quince de carreira causou un impacto na contracultura do seu tempo que ecoa ata hoxe. Esta retrospectiva inclúe a meirande parte das súas longametraxes e algúns dos seus traballos televisivos e curtas iniciais. As copias proxéctanse todas restauradas en soporte dixital.