El asado de Satán
Satansbraten
Kurt Raab, Margit Carstensen, Helen Vita, Volker Spengler
- 112 min.
Non lle van ben as cousas ao poeta da revolución do 68 Walter Kranz. Está totalmente endebedado, a súa muller non para de queixarse da súa situación económica e parece que perdeu a inspiración.
- Ano:1976
- Países de produción: Alemaña
- Guión: Rainer Werner Fassbinder
- Fotografía: Michael Ballhaus, Jürgen Jürges
Comentario do filme
Sean Axmaker (TCM)
O prolífico cineasta alemán Rainer Werner Fassbinder era todo menos predicible. Tras o éxito de Effie Briest (1974), un atractivo drama histórico narrado ao estilo clásico, e a persoal La ley del más fuerte (1975), un drama moderno inspirado na morte dun amante e repleto de comentarios sociais, deu un xiro radical coa anárquica e escuramente cómica El asado de Satán (1976).
A historia dun poeta arrogante que non escribiu unha soa palabra en dous anos, a película é unha farsa disparatada cun elenco de personaxes grotescos, pervertidos, tolos e masoquistas. Walter Kranz (Kurt Raab), un poeta da revolución que se enfronta a un bloqueo creativo e a unha crise de identidade, vive coa súa amargada esposa e o seu irmán con discapacidade mental, un home-neno obsesionado coas moscas. Os personaxes son humillados, maltratados, degradados, traizoados e, nunha escena, asasinados sen piedade, e todo iso interprétase cun humor perverso. Fassbinder describiu a película como «unha comedia sobre min mesmo se fose o que talvez son, pero non creo que sexa». Harry Baer, colaborador seu desde había moito tempo e que traballou como director de produción na película, escribiu máis tarde que Fassbinder «se proxectou a si mesmo no personaxe do poeta repugnante e sórdido... Quería que parecese o máis odioso posible». (…)
A película foi moi controvertida. Janet Maslin, na súa recensión para The New York Times, describiuna como «unha especie de Father Knows Best baixo os efectos do ácido... unha especie de comedia de situación enfermiza, cun grupo de personaxes domésticos que actúan con indiferenza seguindo os seus impulsos máis bestiais». En Alemaña, o crítico de cinema Wilfried Wiegand cualificouna como «un acto de odio cara á raza humana». Pero tamén tivo os seus defensores e, para moitos críticos, é unha das películas máis reveladoras de Fassbinder: un autorretrato en forma de comedia amarga e brutal.
Extractos dos comentarios para a emisión do filme en TCM. Tradución propia do inglés.