A Filmoteca de Galicia dedícalle un ciclo ao cineasta experimental Jon Jost co gallo da estrea mundial do filme ‘CASA DO SILENCIO’, rodado en Galicia

  • O realizador estadounidense presentará esta produción de aCentral Folque o 24 de novembro na cinemateca da Xunta, onde ese mesmo día ofrecerá unha ‘master class’
  • A Sala José Sellier da Coruña recibe esta tarde a Pedro Costa para o arranque dun especial que se estenderá ata marzo con dúas películas mensuais, unha delas asinada polo director portugués e outra elixida por el como parte dunha carta branca
  • A carteleira de novembro inaugura a nova sección ‘As filmotecas presentan...’ para lle ofrecer ao público galego as novas restauracións realizadas por estes centros tanto en España como en Portugal
A Filmoteca de Galicia dedícalle un ciclo ao cineasta experimental Jon Jost co gallo da estrea mundial do filme ‘CASA DO SILENCIO’, rodado en Galicia

A Coruña, 31 de outubro de 2023.- A Filmoteca de Galicia será en novembro o escenario da estrea mundial de Casa do silencio, produción de aCentral Folque, filmada en Galicia polo cineasta experimental Jon Jost. Con tal motivo, o director estadounidense será obxecto dunha retrospectiva dentro da carteleira de novembro da cinemateca da Xunta, que inicia tamén un ciclo sobre o realizador portugués Pedro Costa e incorpora o novo apartado As filmotecas presentan... ás súas seccións habituais.

 

Jon Jost estará na Coruña o día 24 para o primeiro pase público do seu novo traballo ás 20,30 h., co gallo do que ás 18,00 h. desa mesma tarde tamén ofrecerá unha master class de acceso gratuíto. Na véspera desta estrea arrancará, ademais, unha escolma que ofrecerá ata o 2 de decembro outras seis películas súas, entre elas algúns dos seus títulos máis coñecidos como All the Vermeers in New York, que será igualmente presentada polo seu director o día 23, Last Chants for a Slow Dance o día 30 ou Coming to Terms, xa en decembro.

 

Presentación e coloquio con Pedro Costa

Ademais, hoxe mesmo ás 19,00 h. a Filmoteca de Galicia recibe na súa Sala José Sellier o director portugués Pedro Costa con motivo da primeira proxección do ciclo que se lle dedicará ata marzo con dúas películas mensuais, unha da súa propia filmografía e a outra elixida por el mesmo como parte dunha carta branca que se lle propuxo. Costa presentará e participará nun coloquio arredor de Vitalina Varela, filme de 2019 sobre unha muller de Cabo Verde que chega a Lisboa tres días despois de celebrar o funeral do seu marido.

 

O 3 de novembro poderá verse a segunda sesión deste filme, mestres que os días 2 e 4 a cinemateca proxectará Diario de una casa rural, película de Robert Bresson seleccionada por Costa para este ciclo. Xa en decembro, será a quenda de O sangue, a súa ópera prima, e Stars in My Crown, de Jacques Tourneur. Nos meses seguintes, ademais doutras fitas do realizador portugués, este especial ofrecerá longametraxes de Jean-Marie Straub e Danièle Huillet, Mikio Naruse, Frank Borzage e curtas de Víctor Erice e Jean-Luc Godard.

 

Outra das novidades da carteleira de novembro na cinemateca galega é a incorporación ás súas sección habituais do novo apartado As filmotecas presentan..., que nace co fin de ofrecerlle ao público as máis recentes restauracións desenvolvidas por este tipo de centros en España e Portugal. As súas dúas primeiras propostas son El jefe político, unha película de 1925 restaurada pola Filmoteca Española, que será presentada polo historiador Daniel Sánchez Sala o día 23, e El filandón (1985), a partir do traballo realizado pola Filmoteca de Castilla y León, que poderá verse na Coruña o día 30.

 

Peche do especial Douglas Sirk

Ademais, en novembro concluirá o ciclo dedicado a Douglas Sirk cos seus cinco últimos títulos, entre os que se atopan grandes éxitos da súa carreira como Tiempo de amar, tiempo de morir (días 7 e 8), Escrito sobre el viento (días 11 e 14) ou Imitación a la vida (días 15 e 16).

 

En canto ás seccións habituais, Fóra de serie presenta Retratos fantasma, de Kleber Mendonça, os días 7 e 8; Passages, de Ira Sachs, os días 9 e 10, ou Orlando, a miña biografía política, de Paul B. Preciado, os días 28 e 29. Nesta nova carteleira mensual figuran, así mesmo, un Desencadres dedicado a Alberte Pagán o día 18 e mais as novas entregas de Off Galicia e Filmoteca Júnior.