Las amargas lágrimas de Petra von Kant
Die Bitteren tränen der Petra von Kant
Margit Carstensen, Hanna Schygulla, Eva Mattes
- 119 min.
Petra von Kant é unha deseñadora de moda moi cotizada que se separou do seu home para vivir de maneira independente e libre. Un día unha amiga preséntalle unha moza de orixe proletaria da que namora tolamente.
-
Rainer Werner Fassbinder
Las amargas lágrimas de Petra von Kant
Versión lingüística:VOSEFormato:35mm. -
Rainer Werner Fassbinder
Las amargas lágrimas de Petra von Kant
Versión lingüística:VOSEFormato:35mm. -
Rainer Werner Fassbinder
Las amargas lágrimas de Petra von Kant
Versión lingüística:VOSEFormato:DCP -
Rainer Werner Fassbinder
Las amargas lágrimas de Petra von Kant
Versión lingüística:VOSEFormato:DCP
- Ano:1972
- Países de produción: Alemaña
- Guión: Rainer Werner Fassbinder (Obra: Rainer Werner Fassbinder)
- Fotografía: Michael Ballhaus
A gran pretensión
Peter Matthews
Os devotos do cinema clásico lembrarán como, na secuencia inicial da película de George Cukor de 1939 Mujeres, as actrices son cruelmente comparadas con estúpidos animais. Norma Shearer é unha cerva plácida, Rosalind Russell unha gata atigrada que miaña e Joan Crawford unha leoparda que gruñe. Rainer Werner Fassbinder, fervente seguidor do cinema de Hollywood, ofrecería a súa propia interpretación desta sorte de comedias descaradas en Frauen in New York, realizada para a televisión de Alemaña Occidental en 1977. Pero xa cinco anos antes reflexionara sobre a fauna salvaxe nun universo monosexual. Las amargas lágrimas de Petra von Kant (1972) comeza con dous gatos domésticos nunha escaleira, cuxos pequenos movementos ao comer e acicalarse poden verse intermitentemente baixo os créditos. A toma fai referencia tácita á apertura de Cukor, anticipando unha historia na que as elegantes aparencias ocultan instintos salvaxes. A continuación, marcando o paso da natureza á cultura, a cámara abandona os felinos e entra no dormitorio de Petra. A partir de aí, a vida espontánea cede paso a unha posta en escena extravagantemente artificiosa. Como hipnotizados por un teatro emocional interior, os personaxes adoptarán para sempre poses xeroglíficas de amor, fascinación, ira e dor.
A primeira vez que vemos a nosa protagonista, está durmida, co corpo envolto en penumbra e case cadavérico. A súa asistente persoal, Marlene (Irm Hermann), que non pronuncia nin unha soa palabra en toda a película, levanta as persianas co movemento brusco dun tremoísta que abre o pano. Petra (Margit Carstensen) remóvese, queixándose de pesadelos, pero, de que lle advertía o seu inconsciente? O subtítulo que Fassbinder engade é «Unha historia clínica», o que nos leva a supoñer que Petra está enferma, mesmo moribunda. Durante as dúas horas seguintes, deambulará polo seu piso, pálida, fantasmal, poñéndose sucesivamente perrucas e traxes estraños e pintorescos, tentando, ao parecer, invocar mediante ese disfrace unha verdade que esqueceu hai tempo, pero que aínda lembra vagamente. O ceo azul e as árbores, que se albiscan a través dunha xanela, son os únicos indicios do mundo exterior. A acción nunca se afasta da casa de Petra, e desenvólvese principalmente na súa cama, ese escenario primixenio do nacemento, a aventura romántica e a extinción. Ignorando a fotografía áxil e peripatética de Michael Ballhaus, algúns se queixaron de que se trata de teatro filmado, pero Lágrimas amargas continúa unha venerable tradición alemá. O Kammerspiel (drama de cámara) da década de 1920 limitaba o seu alcance a cuartos escasamente amoblados, onde as paredes se pechan e as persoas adoitan verse empuxadas á tolemia ou ao suicidio.
Fassbinder conserva ese ambiente de introspección torturada, pero elimina a monotonía do realismo social. Polo que podemos ver, o apartamento de Petra é puramente decorativo. Aínda que Marlene serve té, froita e viño escumoso ao longo da película, non hai probas definitivas de que haxa unha cociña ou, dado que ela recibe os invitados de forma abrupta, nin sequera unha porta de entrada. En cambio, Fassbinder conxestiona o campo visual con luxosas bagatelas ao estilo de Josef von Sternberg. É difícil orientarse no medio da desorde, pero a xeografía física non forma parte da idea. O drama de cámara convértese nunha obra onírica. A residencia de Petra é un espazo totalmente abstracto e expresionista no que os obxectos concretos se eterizan en estraños significantes de fantasía narcisista. Unha enorme reprodución en papel pintado de Midas e Baco, de Nicolas Poussin, adorna o seu tocador, e os seus montículos de carne voluptuosa insinúan o abandono erótico que ela ansía (pero tamén que a éxtase efémera sempre ten un prezo). Estrañas bonecas, empolicadas en vigas de madeira, condenan o seu desexo como cobizoso e infantil, aínda que cun toque de caridade, xa que Petra acabará demostrando ser outro xoguete manipulable. Manequíns espidos de grandes almacéns, dispostos e reordenados por algún escaparatista clandestino, convértense nun coro silencioso que satiriza con saña as súas desgrazas amorosas.
Extracto do libreto da edición americana do blu-ray da película, publicada por Criterion. Tradución propia.