Como cada ano por estas datas, organizamos o noso habitual ciclo 'Olladas de muller', feito en colaboración co Consello da Cultura Galega para celebrar o Día da Muller. Entre o 6 e o 9 de marzo recolle un total de 8 películas dirixidas por realizadoras galegas e portuguesas que nos traen as últimas tendencias do cine que se está a facer a cada beira da raia.
A cita arrinca o día 6 con Arte + muller + Galicia, a proposta da experimentada comisaria de arte Rosario Sarmiento sobre a historia recente do medio en Galicia, contada polas voces das mulleres que marcaron a creación contemporánea nas últimas décadas. Elas son tamén as protagonistas na segunda cinta da xornada inaugural do ciclo. Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro, pon a falar a un grupo de amigas na trintena sobre as súas experiencias coa violencia machista, entendida nun sentido amplo, aquela que pode exercerse con comentarios ou olladas, a que se respira na rúa e se sinte na caluga cando unha volve soa á casa un sábado pola noite.
Ese debate confróntano con mulleres doutra xeración maior nun segundo treito da película e finalmente levan a conversa crítica ao eido da educación secundaria, traballando os mesmos conceptos con alumnado adolescente. Tódalas mulleres que coñezo mostra como a educación en feminismo é aínda unha materia pendente e forza ao público a posicionarse ante un debate candente na era do MeToo. É un filme que funciona como declaración de intencións dun ciclo no que tamén poderán verse Trinta lumes, de Diana Toucedo, Correspondencias, de Rita Azevedo Gomes e, xa o sábado día 9, unha sesión de curtas con pezas de Mariana Caló, Noela Gutiérrez, Laura Pousa e Sandra Sánchez.