Correspondencias
Correspondências
Eva Truffaut, Pierre Léon, Rita Durão, Anna Leppänen, Luís Miguel Cintra
- 145 minutos
Sophia de Mello Breyner Andresen e Jorge de Sena son dous dos escritores portugueses máis importantes do século XX. O exilio de Jorge, perseguido polo salazarismo, iniciarase en Brasil en 1959 e continuará nos Estados Unidos, onde falecerá en 1978. Nunca volverá a Portugal.
Estas cartas, postas en escena de maneira exemplar por Rita Azevedo Gomes, unen na distancia a Jorge e Sophia, alimentando unha complicidade afectiva e intelectual que manterán ata a fin das súas vidas. A súa correspondencia e os seus poemas atravesan corpos, idiomas, países e imaxes nun filme-ensaio onde historia, política, pasado e futuro se mesturan con liberdade e absoluta mestría cinematográfica.
- Ano:2016
- Países de produción: Argentina, Brasil, Francia, Grecia, Portugal
- Guión: Rita Azevedo Gomes
- Fotografía: Acácio de Almeida, Jorge Quintela
- Montaxe: Rita Azevedo Gomes, Patricia Saramago
- Produtora(s): C.R.I.M.
-
El cine de Rita Azevedo Gomes
Número especial da revista Lumière.
-
Entrevista con Rita Azevedo Gomes
Por Roger Koza (Con los ojos abiertos)
Trailer do filme
Versión orixinal subtitulada
Unha carta chegou...
Rita Azevedo Gomes
Cando lle ensinei unha das primeiras montaxes a un «novo amigo», que no curso do filme coñeceu a outro «novo amigo», mandoume esta carta:
«Ola Rita,
Podería falar sobre a unidade perdida: canto máis buscas, máis se bifurcan os camiños.
Podería falar sobre o fermoso e breve travelling baixo as pólas, arroladas ao vento, piar das palabras.
Podería falar do brillante paradoxo que supón presentar Delfos como o centro do mundo nun «labirinto sen centro» (Jorge Luis Borges e Cozarisnky).
Podería falar sobre a casa derrubada de Sena e de novo sobre o We Can’t Go Home Again.
Podería falar sobre o salvaxe cinema brasileiro e un veredicto que danzaba na miña memoria: «O maior defecto do filme es ti, espectador. Apurado por te faceres vello. E o filme flúe de vagar. Amas a narración rica e directa. O estilo regular e fluído. E este filme e o meu estilo son cipreses que se moven á esquerda e á dereita, que camiñan e paran, que se queixan, badúan, rin e ameazan o ceo, que esvara e cae» (Fernando Coni Campos). Podería falar da montaxe borrada de Godard, de Tonacci e outros («de súpeto nada») e d’ «A viagem», de Sophia, un marabilloso relato que recentemente lin outra vez.
Podería falar das estatuas decapitadas, das rimas imposíbles e dos versos que xa non se fixeron («fago algunhas cousas»).
Porén, «neste manicomio de cartas perdidas que é a nosa correspondencia», simplemente quero darche as grazas pola emoción que me brindaches ao ver a Louika proxectada na pantalla. Non sei se ficará na montaxe final ou non. Non sei se volverei sentir o mesmo de novo, pero nese acio de palabras portuguesas e gregas entre Sena e Sophia, baixo as ruínas desa unidade ancestral, milagrosamente ou por azar, unha secreta correspondencia floreceu entre Louika e máis eu, agora separados por moitos países e moitos mares, a desgraza dun Hiperion golpeado e a luminosa Grecia de Diotima. É bastante curioso: aínda non coñecera a Louika e xa me falara fóra de plano sobre a amada e perdida Grecia.
Ao final, só quero darche as grazas por esta fermosa carta que me enviaches. O cinema é marabilloso: filmar correspondencias e acabar como un carteiro.
Beixiños e vémonos axiña, M».
Grazas a todos!
Rita Azevedo Gomes,
Praia de Guincho, 22 de xuño de 2016