![Olladas de muller 2019](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/full_width_breakpoints_theme_cgai_xs_1x/public/todalas_mulleres_que_conezo_-_portada.jpg?itok=AeO2RxoM×tamp=1551271323)
Olladas de muller 2019
Do 6 de marzo de 2019 ao 9 de marzo de 2019
Como cada ano por estas datas, colaboramos co Consello da Cultura Galega para, cun ciclo, conmemorarmos o Día da Muller. Todos os filmes incluídos neste ciclo foron dirixidos por realizadoras que ademais, en varios casos, exercen dende unha clara vontade feminista. A visibilización das artistas que marcaron a creación contemporánea en Galicia nas últimas décadas é o principal obxectivo de Arte + muller + Galicia, documental da comisaria Rosario Sarmiento que se constrúe a través de conversas con este grupo de mulleres e se revisan as súas biografías e obras. Nesta xornada de apertura, o ciclo quere facer unha declaración de intencións con Tódalas mulleres que coñezo, último documental da realizadora Xiana do Teixeiro, onde varias amigas da súa idade, na trintena, falan das experiencias que como mulleres teñen na violencia que se exerce contra elas por cuestión de xénero. A conversa pasa deste coloquio entre colegas nunha primeira parte da película ao debate interxeracional coas que poderían ser as nais e revela diferentes formas de enfrontarse ao machismo e á violencia latente que existe na rúa. Unha terceira parte mostra estes resultados a estudantes de secundaria e prodúcese un terceiro nivel de lectura sobre as imaxes e verbas antes xeradas, onde se mostra que a educación na conciencia feminista é aínda unha materia pendente. Unha obra militante que nos forza a posicionarnos ante un debate de extrema actualidade e ante o que, Teixeiro semella opinar, non serven as medias tintas.
O resto da escolla permítenos descubrir un conxunto de películas galegas e portuguesas recentes que chegan avaladas pola súa boa acollida en festivais e entre o público. É o caso de Trinta lumes, de Diana Toucedo, e Correspondencias, de Rita Azevedo Gomes. A primeira, comparada coa fantástica Twin Peaks de David Lynch e Mark Frost ou co evocador cine do tailandés Apichatpong Weerasethakul, introdúcenos no mundo misterioso e fascinante do alén a través duns rapaces que viven no afastado Courel, un lugar definido coma un terreo case mítico, nunha aposta que se atopa entre a ficción e o documental. Pola súa banda, Correspondencias retoma as cartas entre os escritores lusos Sophia de Mello Breyner Andresen e Jorge de Sena, perseguido polo salazarismo e exiliado, para compor un complexo ensaio cheo da complicidade afectiva e intelectual que emanaban estes textos.
O ciclo péchase cunha selección de curtametraxes que nos permiten descubrir o talento en ambas as dúas marxes do Miño, onde hai dende a última adaptación do célebre relato de Castelao Un ollo de vidro ata unha inusual aposta na que brilla Rosa María Mateo como protagonista: Un país extraño. Logo dunha demostrada traxectoria en documentais, Sandra Sánchez proba sorte na ficción con A nena azul, mentres que Sombra Luminosa amosa a capacidade ensaística de Mariana Caló e Francisco Queimadela.
___
Agradecementos: Rosario Sarmiento; Xiana de Teixeiro; Diana Toucedo; Sandra Sánchez; Laura Pousa; Noelia Gutiérrez; Mariana Caló, Francisco Queimadela; Pixi Arnoso, Pela del Álamo/Curtocircuito.
Coa colaboración de
![Arte + muller + Galicia](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/arte_muller_galicia.jpg?itok=OSdJFIHg)
Arte + muller + Galicia
![Tódalas mulleres que coñezo](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/todalas_mulleres_que_conezo.jpg?itok=6mH8xDXe)
Tódalas mulleres que coñezo
![Trinta lumes](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/trintalumes_still_03_samuel_vilarino_alba_arias.jpg?itok=nnMPW_UZ)
Trinta lumes
![Correspondencias](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/correspondenciasstill2_1.jpg?itok=ehueUHX5)
Correspondencias
![Sombra Luminosa](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/sombra_luminosa.jpg?itok=VtiThuFq)
Sombra Luminosa
![Un ollo de vidro](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/unollodevidro.jpg?itok=igqhB3Ti)
Un ollo de vidro
![Un país extraño](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/unpaisextrano_foto_3.jpg?itok=iKz4KmVt)
Un país extraño
![A nena azul](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/a_nena_azul.jpg?itok=yOl0zsYc)