El dios de la peste
Götter der Pest
Hanna Schygulla, Margarethe von Trotta, Harry Baer, Günther Kaufmann, Carla Egerer
- 91 min.
Recentemente saído do cárcere, Franz Walsch trata de encontrar o seu irmán para volver aos negocios con el. Pero descobre que foi asasinado polo seu amigo máis vello porque sospeitaba que era un delator. Cando Franz se atopa co asasino non sente rencor, só ledicia de velo.
- Ano:1969
- Países de produción: Alemaña
- Guión: Rainer Werner Fassbinder
- Fotografía: Dietrich Lohmann
Pragas de Deus: o tortuoso cinema de Fassbinder
Jonathan Rosenbaum
Rainer Werner Fassbinder só tiña vinte e catro anos cando rodou as súas catro primeiras películas en 1969, a terceira das cales foi Dioses de la peste. Anos máis tarde, cando elaborou unha lista coas que el consideraba as súas dez mellores longametraxes, Dioses de la peste ocupou o quinto lugar. A única outra película moi temperá desta lista era a súa sétima longametraxe, Atención a esa prostituta tan querida —unha das seis películas que realizou en 1970—, que ocupaba o primeiro lugar.
Fassbinder, un empedernido creador de listas que gozaba abertamente dese pasatempo un tanto adolescente, tamén clasificou as súas dez películas favoritas realizadas por outros (encabezadas por La caída de los dioses, de Luchino Visconti) e as súas dez actrices e actores favoritos, tanto nas películas doutros como nas súas propias: Marilyn Monroe, Hanna Schygulla, Clark Gable e Armin Mueller-Stahl. Tamén se colocou, de forma plausible, á cabeza da súa lista dos dez directores máis influentes da Nova Ola alemá.
Pódese argumentar que o Fassbinder inicial se caracteriza por certos fundamentos crus e irredutibles, incluídas as contradicións que perseguirían o resto da súa prolífica obra, que terminou, de forma triste pero previsible, coa súa morte por sobredose en 1982. Para empezar, a súa crítica esquerdista da cultura da clase media alemá víase contradita e matizada por un fatalismo e un derrotismo moi conservadores. Parecía convencido de que o cambio era imposible e, en ocasións, mesmo parecía gozar dese feito, un sentimento xa expresado no título da súa primeira longametraxe, El amor es más frío que la muerte, que inevitablemente suxire a noción romántica alemá de que a morte debe ser, dalgunha maneira, mesmo máis cálida que o amor. Na maioría destas primeiras longametraxes, a crueldade en grandes doses contraponse a miúdo á tenrura, case sempre en doses máis pequenas, aínda que unha característica distintiva de Dioses de la peste é que as súas doses de afecto e tenrura tenden a ser máis doces e amplas do que se espera normalmente de Fassbinder. Ademais, o coqueteo heterosexual e a prostitución contrapóñense ao homoerotismo nestas primeiras películas policiais, e o desexo de independencia contraponse á brutalidade e á aparente permanencia do Sistema (coñecido como o Sindicato en El amor es más frío que la muerte), tan metaforicamente relevante como debían parecerlle a Fassbinder e as súas posturas rebeldes naquela época á industria cinematográfica comercial e as súas ramificacións. Como sinalou Hanna Schygulla nunha entrevista, ao reflexionar sobre o que, na súa opinión, Fassbinder quería lograr nas súas primeiras películas, decantouse pola palabra inglesa «upset» (perturbar): as súas películas son realmente perturbadoras, non só polo seu deseño, senón tamén pola súa execución.
Extracto do libreto da edición en blu-ray de Arrow Video ‘The Rainer Werner Fassbinder Collection, vol. III’ (2022). Tradución propia.