
(S8) 9ª Mostra de Cinema Periférico de A Coruña
Do 26 de maio de 2018 ao 2 de xuño de 2018
Tempo, estrutura, patróns. Estes son algúns dos principios que guían a novena edición do (S8), baixo o título Lux Algebra. A álxebra, rama da matemática que estuda a combinación de elementos de estruturas abstractas de acordo con certas regras, únese a “lux”, a unidade de medida da luz. Evocamos así esta idea combinatoria no cine, en obras en que o tempo e a estrutura (a través da montaxe e a construción interna) son fundamentais.
Unha das figuras clave deste especial é o estadounidense Ernie Gehr, cuxo traballo nos setenta marcou a definición de cine estrutural (tal e como a concibira P. Adams Sitney). Un cine que lida coa mesma natureza do medio e coa entidade propia da imaxe alén da representación, a través dos mecanismos técnicos da cámara, do celuloide, da luz e da percepción ocular. Outro pioneiro, o austríaco Kurt Kren, estará presente cunha sesión dedicada ás súas obras estruturais, articulada a xeito de master class ao coidado do británico Nicky Hamlyn. Unha montaxe e unha construción case algorítmica, unha ética de traballo punk e unha imaxinación fílmica inesgotable compoñen o traballo que desenvolveu Kren dende finais dos 50, do que Hamlyn deu conta no seu libro (coeditado con A. L. Rees e Simon Payne) Kurt Kren: Structural Films. Poderemos ver tamén o traballo de Scott Stark, cuxas películas se constrúen arredor de certas “regras de xogo” que o cineasta presenta nun traballo tan lúdico como rigorosamente experimental. Nas súas pezas en 16 mm, 35 mm e vídeo, xoga coas propiedades de cada soporte e orixina sorprendentes patróns visuais e sonoros. As súas pezas en súper 8 presentan interaccións que raian na performance coa súa contorna máis próxima. Completan este apartado a sesión “Patróns de interferencias”, programada polo investigador e cineasta Albert Alcoz (na que poderemos ver o traballo de figuras como Barry Spinello, Johan Lurf e Alberto Cabrera Bernal), o programa “Métrica e rima”, unha sesión de traballos recentes e históricos dedicada ás diferentes formas de pensar en estrutura dende o cine, e unha exposición, O cine en papel, dedicada aos diagramas preparatorios ou analíticos de películas, na que poderá verse o traballo de artistas como Paul Sharits, Lis Rhodes e Rose Lowder, entre outros.
En rexistro diferente, o (S8) contará tamén este ano con programas dedicados a Friedl vom Göller, Phil Hoffman, Pablo Mazzolo e Chris Kennedy. A austríaca Friedl vom Gröller combina o cine coa fotografía, nunha obra enraizada no retrato e na observación lírica das persoas que a rodean. Phil Hoffman, nome esencial do cine canadense, parte do persoal e autobiográfico en películas entre o experimental e o ensaístico, nunha sólida filmografía que foi construíndo dende finais dos 70. Hoffman, ademais, presentará o seu proxecto de Film Farm e impartirá un obradoiro. O arxentino Pablo Mazzolo explota as posibilidades do soporte fotoquímico cun manexo certeiro do mecanismo de filmación e montaxe en cámara, en obras onde a luz é protagonista e catalizadora. Chris Kennedy mira alén do evidente na súa obra, que busca entender a perspectiva e o encadramento no cine, e tamén os mecanismos da realidade e a política en traballos como Watching the Detectives, recentemente premiada en Ann Arbor. Ademais, celebramos cun programa o 50 aniversario de Canyon Cinema, mítica cooperativa californiana fundada por cineastas como Bruce Baillie e Chick Strand.
Na sección Desbordamentos poderase gozar das performances do dúo colombiano-alemán residente en Berlín: Ojoboca, que vai estrear un novo traballo no (S8), Scott Stark, Pablo Mazzolo e Tono Mejuto (que presentará o resultado da primeira residencia BAICC, organizada polo (S8) en colaboración con Acción Cultural Española e o LIFT de Toronto).
Sinais segue a traer á fronte o cine galego, esta vez co traballo combativo de María Ruido, que estreará a súa peza Mater Amatísima, participación que se completa cunha master class, unha exposición e unha retrospectiva da súa obra que arrinca en maio. Ademais, Sinais en curto recolle o mellor da colleita anual galega, con obras de Alberte Pagán, Lara e Noa Castro, Ángel Santos, Helena Girón e Samuel Delgado e remata con Marcos Pérez e Martin Pawley.
Agradecementos: María Ruido, Phil Hoffman, Alberte Pagán, Lara e Noa Castro, Ángel Santos, Helena Girón e Samuel Delgado, Marcos Pérez e Martin Pawley, Ernie Gehr, Scott Stark, Antonella Bonfanti, Friedl vom Gröller, Dietmar Schwärzler, Albert Alcoz, Pablo Mazzolo, Rosa Santos, Manolo González, Xisela Franco, Janie Geiser, Brigitta Burger-Utzer.

O ollo imperativo

A mosca

Pezas imposibles

M. (Manuel Moldes – Pontevedra Suite, 1982-1987)

Plus Ultra

Fogos

Slaughterhouse

Vulture (work in progress)

Shift

Rear Window

Signal - Germany on the Air

Side/Walk/Shuttle

On the Pond

The Road Ended at the Beach

passing through / torn formations

The Sound of His Face

Speechless

SLOW

The Realist

Traces/Legacy

Twelve Tales Told

Patterns of Interference

The Human Race

Ten Notes on a Summer’s Day

Soundtrack

In girum imus nocte et consumimur igni

Feng Huang

Esculturas fílmicas

30 Sound Situations

RGB Colour Model

Atelier d'Expression

At the Vienneese Prater

The Paris Poetry Circle

Cherries

Max Turnheim

Fábrica de pizzas

El Quilpo sueña cataratas

Conjeturas

NN

Oaxaca Tohoku

Fotooxidación

Fish Point

Ceniza verde

Wait

Reverberation

Field

Serene Velocity

Table

Sarabande

Castro Street

With Pluses and Minuses

3- Minute Hells

Kristallnacht

Discoveries on the Forest Floor 1-3

FFFTCM
