(S8) XV Mostra Internacional de Cinema Periférico
Do 31 de maio de 2024 ao 8 de xuño de 2024
O (S8) volve ocupar un ano máis a Filmoteca de Galicia durante os primeiros días de xuño; trae consigo varias das máis importantes e substanciais retrospectivas.
É o caso da dedicada a Narcisa Hirsch, que se estende ao longo de 4 sesións. Narcisa Hirsch (Berlín, 1928 - Bariloche, 2024) foi unha das artistas máis importantes do cinema de vangarda mundial e da arte latinoamericana, referente das novas xeracións xunto a nomes coma o de Claudio Caldini. Aínda que Hirsch comezou a traballar na década dos 60, o seu cinema aínda non tivo a difusión que merece en proporción á súa rebordante creatividade. Grazas ao ambicioso traballo de conservación da recentemente fundada Filmoteca Narcisa Hirsch, comandada por Tomás Rautenstrauch (que visitará o festival) hoxe presentamos unha retrospectiva que inclúe obras inéditas en España en novas copias restauradas. A obra de Hirsch é coñecida principalmente por ser pioneira do cinema estrutural arxentino, e tamén pola súa relación co happening nos anos 60. Porén, o seu cinema vai máis aló, móvese tamén por películas que tocan a lírica e o simbolismo, por diarios íntimos e de viaxe e por incursións no cinema etnográfico experimental...
Outro dos puntos fortes da programación é a presenza de Morgan Fisher (Washington, D. C., 1942), unha das figuras históricas máis destacadas do cine experimental estadounidense. Dende o ano 1968 Fisher deu unha volta ao que se coñece como metacine, en películas que cuestionan con enxeño e con humor tanto os modos de facer do cinema industrial, como a súa propia condición material. A Fisher dedicáronlle programas na Tate Modern (Londres), no Whitney Museum of American Art (Nova York), no Museum of Contemporary Art (Los Angeles), no Filmmuseum (Viena) e no Centre Pompidou (París), entre outros. Fisher ten ademais unha importante obra como pintor. As súas pinturas víronse na Bortolami Gallery en Nova York («Interior Color Beauty») e na China Art Objects Galleries Los Angeles («Exterior and Interior Color Beauty»). Amais de presentar un amplo percorrido pola súa obra, que ironiza coa pompa e os procesos das películas de Hollywood, o festival acollerá unha clase maxistral con Fisher en que ha falar do proceso creativo das súas últimas obras.
No que se refire á creación contemporánea, o (S8) trae á Filmoteca dous nomes senlleiros: a mexicana Annalisa Quagliata e a canadense Rhayne Vermette.
Annalisa Quagliata é un dos motores da efervescente escena de cinema underground contemporáneo de Cidade de México, ben dende a creación, ben dende o activismo cultural e a exhibición dende o seu espazo La Cueva, e como integrante do Laboratorio Experimental del Cine, centro vital do cinema analóxico en México. Como cineasta, o seu traballo percorre tanto a historia recente de México, como as raíces ancestrais da súa cultura, dende unha perspectiva feminista, queer e anticolonialista. A condición fortemente política do seu traballo mestúrase cun poderoso traballo coa materialidade do cinema, que veremos en todo o seu apoxeo na estrea en España da súa longametraxe ¡Aoquic iez in Mexico! (¡Ya México no existirá más!).
Orixinaria de Manitoba, Rhayne Vermette é unha cineasta métis (un dos tres pobos aborixes recoñecidos en Canadá). A obra de Vermette obtivo un amplo recoñecemento internacional tras o seu paso pola Berlinale e por Toronto coa súa primeira longametraxe Ste. Anne, historia impresionista e hipnótica de volta ao fogar, dirixida e protagonizada por ela mesma, que tamén aborda temas como a disputa territorial entre os actuais ocupantes e os pobos orixinarios que reclaman o territorio. Arquitecta de formación e cineasta autodidacta, Vermette conta cun corpus fílmico (que poderemos coñecer no festival) que percorre a animación e a colaxe fílmica, os estudios arquitectónicos e as historias persoais dos habitantes da súa terra en clave de ensaio.
Por outra banda, o (S8) dedica unha sesión in memoriam a Kenneth Anger, falecido en 2023, baixo o nome d' “O cinema de Thelema”, dedicada aos seus traballos arredor das ensinanzas de Aleister Crowley. Anger naceu e medrou en Los Angeles, onde presenciou en primeira persoa o que hai tras a industria do cinema, que reflectiu no seu famoso e escandaloso libro Hollywood Babylon. Pioneiro do cinema queer, unha rama da obra de Anger móvese polo esotérico e a maxia e mais xoga co simbolismo e coa performance. En obras como Lucifer Rising e Inauguration of the Pleasure Dome, que poderán verse nesta sesión, Anger desencarta ese lado ocultista que se destaca na imaxe do festival deste ano, inspirada polo tarot.
No que se refire ás accións formativas e de encontro profesional do festival, este ano o (S8) acolle o seminario Film Undone, comisariado por Philip Widmann, cuxa primeira edición tivo lugar en Arsenal Berlín. O seminario xira sobre as películas inacabadas ou de finalización truncada por motivos políticos, financeiros ou persoais, e contará coa participación de expertos internacionais como Katie Kirkland, Léa Morin, Tara Najd Ahmadi, Concha Barquero e Alejandro Alvarado, en dúas xornadas de relatorios, debates e proxeccións, que traerá á Filmoteca unha sesión dedicada ao traballo do cineasta andaluz Fernando Ruiz Vergara.
Elena Duque
Coa colaboración de