Kenneth Anger. O cinema de Thelema
- 83 min.
PUCE MOMENT
Kenneth Anger | 1949 | EUA | 16 mm | 6 min
INAUGURATION OF THE PLEASURE DOME
Kenneth Anger | 1954 | EUA | 16 mm | 38 min
INVOCATION OF MY DEMON BROTHER
Kenneth Anger | 1969 | EUA | 16 mm | 11 min
LUCIFER RISING
Kenneth Anger | 1966-80 | EUA | 16 mm | 28 min
-
(S8) XV Mostra Internacional de Cinema Periférico
Kenneth Anger. O cinema de Thelema
Versión lingüística:VOFormato:16mm.Entrada gratuíta.
- Ano:1949-1980
- Países de produción: Estados Unidos
Comentarios á sesión
Kenneth Anger
PUCE MOMENT
Kenneth Anger | 1949 | EUA | 16 mm | 6 min.
Puce Moment, que Anger realizou en Los Angeles en 1949, constitúe unha das súas obras iniciais. Foi o primeiro filme que rodou en cor e o único capítulo que fixo dun proxecto chamado Puce Women, que non puido rematar por falta de financiamento e que ía ser unha sinfonía sobre o glamour, a decadencia e o declive do Hollywood da época, na que cada muller representaría un momento distinto do día. Sobreviviu Puce Moment, que funciona como película completa por si soa; unha curtametraxe que ten como protagonista a Yvonne Marquis, curmá de Anger, á que se mostra de lacazá polo seu apartamento e probándose vestidos de brillos, tumbada nunha chaise longue e paseando os seus catro cans borzoi. A banda sonora da película incluía orixinalmente música dunha ópera de Giuseppe Verdi, mais na década de 1960 Anger volveu sacar esta curta con folk rock psicodélico obra de Jonathan Halper, artista polo demais descoñecido.
«Puce Women foi a miña historia de amor con Hollywood […][,] con todas as grandes deusas do cinema mudo. Había que filmalas na súa casa; eu estaba, en efecto, filmando pantasmas». (Kenneth Anger)
INAUGURATION OF THE PLEASURE DOME
Kenneth Anger | 1954 | EUA | 16 mm | 38 min.
O filme deriva dun dos espectaculares rituais de Crowley nos que os participantes do culto adoptan a identidade dun deus ou deusa. Noutras palabras, trátase do equivalente dun baile de máscaras: planifícano durante un ano enteiro e a véspera do sábado preséntanse ao xeito daqueles deuses e deusas cos que se identifican, e todo o acto é como un happening improvisado. Nisto é no que se basea realmente a película: un evento no que deuses e deusas interactúan e que, en Inauguration of the Pleasure Dome, xira en torno á lenda de Baco e conclúe co desmembramento do deus por parte das bacantes. Este é o tema subxacente. Porén, en troques de recorrer a un ritual concreto, no que habería que falar bastante, igual cá no ritual de verdade, eu o que quería era xerar a sensación de ser transportado a un mundo marabilloso. E o uso da cor e a fantasía é progresivo; noutras palabras, expándese, vólvese totalmente subxectivo, como cando se vai comungar; e iso un veo cos ollos deles. (Kenneth Anger)
INVOCATION OF MY DEMON BROTHER
Kenneth Anger | 1969 | EUA | 16 mm | 11 min.
A escura senda do noso Señor Lucifer, mentres as Forzas da Escuridade se reúnen nunha misa de medianoite. Vira a danza levoxira do Mago en torno á Forza en Espiral Xiratoria, a esvástica solar, ata que o Portador de Luz —Lucifer— se abre paso. (Kenneth Anger)
LUCIFER RISING
Kenneth Anger | 1966-80 | EUA | 16 mm | 28 min.
O filme Lucifer Rising é a miña resposta a Scorpio Rising, que foi un espello mortuorio fronte ao que se puxo a cultura estadounidense. E, polo meu propio ben, tiven que responder, aínda que sigo comprobando que nos Estados Unidos interveñen moitos elementos tanáticos. Este é un filme que versa sobre a xeración do amor, mais vista en profundidade, como na cuarta dimensión. E eu chámoo unha visión de amor, e de amor vai: da súa violencia, así como da súa tenrura […]. Comecei a rodar co equinoccio de primavera. Na miña película fago clasificacións, e unha cousa que descubrín é que, xa que trata de demos —mais demos do amor—, teño que traballar bastante rápido porque eles tenden a ir e vir […]. Un demo non é máis ca unha etiqueta cómoda que se lle pon a unha forza […]. Ao igual que Scorpio Rising, Lucifer Rising aborda varios temas. Eu son un artista que traballa na Luz e aí, en verdade, radica o centro de todo o meu interese. Lucifer é o Deus da Luz, non o demo; esa é unha calumnia cristiá. O demo son sempre os deuses dos demais. Lucifer xa apareceu noutros filmes meus, sen que eu o cualificara como tal, mais normalmente neses filmes hai unha figura ou un momento que é o meu momento «Lucifer» […]. No meu filme mostro cerimonias reais; o que se executa ante a cámara non vai ser unha recreación, e vai por fin provocar o alzamento de Lucifer […]. É a festa de aniversario da Era do Acuario […]. Todo o que levo dicindo ata agora foinos conducindo ata aquí. Estiven a explorarme e agora teño que comunicalo. Lucifer é o Anxo Rebelde que se atopa detrás do que pasa hoxe no mundo; a mensaxe que trae é que «a clave do Gozo radica na Desobediencia». (Kenneth Anger)