Pier Paolo Pasolini
Do 5 de decembro de 2023 ao 7 de febreiro de 2024
Nacido en Bolonia en marzo de 1922 e falecido en circunstancias tráxicas na zona de praia de Ostia en novembro de 1975, achegarnos á figura de Pier Paolo Pasolini resulta unha obriga. O poeta e cineasta non só nunca morre, malia o seu asasinato, escuro e obsceno, polo contrario conserva sempre a súa vixencia. Clarividente, persoal, estaxanovista e incómodo, a súa traxectoria reflicte con espírito crítico a evolución, inquietudes, tendencias e conversións da Italia do século XX, sublimando a través do cine unha mirada de realismo poético e indiscutido humanismo.
A súa estrea como director, Accatone (1961), é soberbia, dos debuts máis impactantes e sublimes vistos nunha pantalla. Pasolini, fronte a outras figuras culturais e intelectuais do momento, coñece, vive, convive e sinte ao proletario, un feito que prolonga con brillo en Mamma Roma (1962). Erixindo unha perspectiva de empatía sociopolítica e de cuestionamento constante de todo, pronto vai afondar no mito, a través de obras ou figuras históricas, Jesucristo en El evangelio según San Mateo (1964) e sendas adaptacións de Sofócles (Edipo Rey, 1967) e Eurípides (Medea, 1969), namentres sabe retratar unha sociedade con trazos de singularísima parábola política na excepcional Pajaritos y pajarracos (1966).
Dúas series de filmes reforzan o seu carácter inconformista e nada suxeito a modas ou fáciles etiquetas. Unha, máis sórdida e polémica, analiza con contundente franqueza o poder e vai de Teorema (1968) e Pocilga (1969) a Salò o los 120 días de Sodoma (1975), o seu testamento desacralizador, a película que decreta o seu ingreso absoluto en toda lista negra neofascista. A segunda serie, a Triloxía da Vida, por medio das traslacións literarias El Decamerón (1971), Los cuentos de Canterbury (1972) e Las mil y una noches (1974) expresa como poucas unha concepción gozosa, colectiva, libre e lúdica da existencia ao tempo que indica un camiño de recoñecemento da narración popular, disgregada e coral e a propia revitalización da tradición. Por miles de razóns tan válidas como estas, Pasolini sobrevivirá sempre.