
Adam Curtis: unha historia natural do poder
Do 22 de marzo de 2018 ao 29 de xuño de 2018
“Vivimos nun tempo estraño. Non deixan de acontecer eventos imprevisibles que sacoden a estabilidade do noso mundo: atentados suicidas, vagas de refuxiados, Donald Trump, Vladimir Putin, mesmo o Brexit. Mais os que están ao mando semellan incapaces de afrontalos e ninguén ten unha visión dun futuro diferente ou mellor. Esta película narra a historia de como chegamos a este lugar estraño”. Así comeza HyperNormalisation, un dos filmes máis influíntes dos últimos anos. O seu autor, o cineasta británico Adam Curtis, obstínase dende comezos da década de 1990 en mostrar o funcionamento do poder, a súa sinuosa arquitectura, as ideas que o conforman, os seus axentes e institucións e a súa inscrición na xeopolítica contemporánea e en nós mesmos. Con iso, non só construíu unha das obras fílmicas máis apaixonantes, lúcidas e reveladoras dos tempos recentes senón unha verdadeira historia natural do noso presente.
Este ciclo recolle por primeira vez a maior parte do seu traballo, composto de longametraxes, series e breves clips articulados a partir da remontaxe do inxente arquivo da BBC. As películas foron remasterizadas en novas versións preparadas especificamente para o ciclo. Adam Curtis argumenta con frecuencia que el é xornalista, nin cineasta nin artista, e que a súa obra consiste en elaborar un novo modelo analítico e crítico da información e da reportaxe mediante a procura, na montaxe discursiva e visual das imaxes, de narracións que expliquen as ideas que producen o noso tempo alporizado. Escavando no arquivo da BBC, canle para a que produce as súas películas, Curtis emprega o torrente inesgotable da imaxe contemporánea para escribir un relato que cartografa como certas nocións, historias e conexións, por improbables que parezan, nos determinan e nos gobernan na actualidade.
Adam Curtis sitúa entre os seus focos principais de interese o escrutinio dunha nova cultura narcisista do eu, a súa relación coa contracultura da década de 1960 e co nacemento da Internet e das redes tecnolóxicas, e a imposibilidade das elites políticas, fronte a un abstracto poder financeiro global, de dirixir o mundo dende a Guerra Fría. E, como relatos subxacentes, a crise da representación, o uso do desexo irracional de consumo das masas, as novas formas de control social, a arquitectura dunha nova orde mundial, os efectos da pospolítica coma goberno, e as consecuencias da chamada posverdade coma criterio de comunicación pública. Adam Curtis, coma o seu admirado John Dos Passos en literatura, articulou unha obra poliédrica cunha densidade inigualable de suxeitos, ideas e temas, o que marcou a transición do cine entendido coma ensaio ao cine concibido en tanto que novela do presente.
Chema González, comisario do ciclo
Museo Reina Sofía

Vivir nun mundo irreal

Hipernormalización

Todo marcha segundo o plan

O baile refeito

Sentino coma un bico

O século do Eu. Episodio 1: Máquinas de felicidade

O século do Eu. Episodio 2: Enxeñería do consentimento

O século do Eu. Episodio 4: Oito persoas bebendo viño en Kettering

O poder dos pesadelos. Episodio 1: Rula, vai frío aí fóra

O poder dos pesadelos. Episodio 2: A vitoria fantasma

O poder dos pesadelos. Episodio 3: As sombras na caverna

O camiño de toda a carne

Lago amargo

Todos vixiados por máquinas de graza e amor. Episodio 1: Amor e poder

A caixa de Pandora. Episodio 1: o complot dos enxeñeiros

A caixa de Pandora. Episodio 2: ao borde a eternidade

A caixa de Pandora. Episodio 3: a liga dos cabaleiros

A caixa de Pandora. Episodio 4: adeus, señora formiga

A caixa de Pandora. Episodio 5: poder negro

A caixa de Pandora. Episodio 6: A de Átomo

Todos os días son festa

Oh dearism I

Oh dearism II

A revolución de Murdoch

Ascensión e caída do xornalista de televisión
