O poder dos pesadelos. Episodio 2: A vitoria fantasma
The Power of Nightmares. Episode 2: The Phantom Victory
- 59 minutos
Segunda parte da triloxía de Curtis sobre a creación do pensamento islamista, en que analiza a alianza deles con Reagan para deter os soviéticos en Afganistán e como posteriormente se acaban centrando en combater precisamente os Estados Unidos.
Na segunda parte, as faccións islamistas, que axiña se están rendendo á influencia máis radical de Zawahiri e o seu rico acólito saudita Osama bin Laden, únense á neoconservadora administración Reagan para combater a invasión de Afganistán pola Unión Soviética.
Cando os soviéticos se retiran de Afganistán e cando o Bloque do Leste cae en 1989, tanto os islamistas coma os neoconservadores crense os principais arquitectos da derrota do “imperio do mal”.
Curtis sostén que a Unión Soviética estaba a piques, con todo, de se esboroar. Porén, os islamistas veno de xeito diferente. No seu triunfo, cren ter poder abondo para xerar estados islámicos “puros” en Exipto e Alxeria. Os esforzos por crealos son bloqueados pola forza.
Os islamistas tentan, por tanto, fomentar revolucións en Exipto e Alxeria usando o terrorismo para intimidar o pobo e forzalo a rebelarse contra os seus líderes. Mais ao pobo aterrorízao a violencia e o goberno de Alxeria explota ese medo como unha forma de ancorarse no poder. En resumo, os islamistas declaran que toda a poboación destes países está contaminada polos valores occidentais.
Finalmente, en Alxeria comezan a se traizoar: cada un deles coida que os demais grupos terroristas non son verdadeiros musulmáns. En América, as aspiracións neoconservadoras de usar o poderío militar dos Estados Unidos para seguir destruíndo os malfeitores vense acantoadas pola elección de George H. W. Bush á presidencia, seguida da elección en 1992 de Bill Clinton, quen os deixa completamente sen poder.
Os neoconservadores, xunto cos seus conservadores aliados cristiáns, intentan demonizar a Clinton ao longo da súa presidencia con varias historias de corrupción e inmoralidade, tanto reais coma fabricadas. Para a súa decepción, o pobo americano non se volve contra Clinton.
Mentres, os intentos islamistas de revolución terminan en masivos baños de sangue que deixan os islamistas sen apoio popular. Zawahiri e bin Laden foxen á relativamente segura Afganistán e declaran unha nova estratexia. Para loitar contra o declive moral de inspiración occidental, deben dar un golpe á súa fonte: os Estados Unidos.
Adam Curtis Documentary