![A trampa: que pasou co noso soño de liberdade. Episodio 3: obrigarémosche a ser libre](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/07_the_trap_3_museo_reina_sofia.jpg?itok=wiwTrqhh)
A trampa: que pasou co noso soño de liberdade. Episodio 3: obrigarémosche a ser libre
The Trap: What Happened to our Dream of Freedom. Episode 3: We Will Force You To Be Free
- 60 minutos
A última parte desta serie sobre o concepto da liberdade no contexto político occidental en décadas recentes céntrase na xustificación da violencia para impor a democracia, mesmo cando se fixo en réximes autoritarios. Curtis pon como exemplos os apoios de Reagan aos Contras, que loitaban fronte aos sandinistas, ou o apoio estadounidense aos ditadores Augusto Pinochet ou Ferdinand Marcos. Tamén estuda como esa mesma acción violenta para garantir a liberdade en Iraq levou a Tony Blair a ter que ser enfrontar aos peores atentados terroristas no Reino Unido, que provocaron unha mingua das liberdades dos británicos pola resposta do goberno a estes.
- Ano:2007
- Países de produción: Reino Unido
- Produtora(s): BBC
The Trap: What Happened to our Dream of Freedom. Episode 3: We Will Force You To Be Free
Free Documentaries
O último programa da serie de 2007 de Curtis céntrase nos conceptos da liberdade positiva e negativa introducidos por Isaiah Berlin nos cincuenta. Curtis explica brevemente que a liberdade negativa podería definirse como ser libre da coerción e a positiva como a oportunidade de se esforzar para atinxir o potencial propio. Tony Blair leu os ensaios de Berlin sobre o tema e escribiulle a finais dos noventa, argumentando que as liberdades negativa e positiva podían ser compatibles. Nunca chegou a obter resposta, xa que Berlin estaba no seu leito de morte.
O programa comeza coa descrición dos Dous conceptos da liberdade e revisa a opinión de Berlin de que, como lle faltaba a coerción, a liberdade negativa era a máis “segura” das dúas. Curtis explica, por tanto, que moitos partidos políticos que procuraban a súa visión da liberdade acabaron usando a violencia para lograla.
Curtis examina a axenda neoconservadora dos oitenta que argumentaba que a violencia podía ás veces ser necesaria para acadar os seus obxectivos, mesmo cando propagaban o que describían como unha democracia. Curtis opina que, aínda que esta versión da sociedade irmandada co neoconservadorismo fixo algunhas concesións libertarias, nunca ofreceron unha liberdade real.
Os neoconservadores aliñáronse de forma moi clara contra os sandinistas; Reagan consideraba que este grupo aceptaba axuda dos soviéticos e que supuña unha verdadeira ameaza para a seguridade en América. A verdade é que os sandinistas non representaban unha ameaza militar real para os Estados Unidos e a campaña de desinformación que se montou pintábaos como ferramentas dos soviéticos. Os Contras, grupo paramilitar que loitaba contra os sandinistas, estaban, segundo a propaganda americana, a loitar con valentía contra o demo comunista. En realidade, argumenta Curtis, usaban todo tipo de técnicas, inclusive a tortura, a violación e o asasinato de civís. Sábese que os Contras usaban avións da CIA para transportar droga e a axencia tamén os axudou a se financiar vendendo armas ilegalmente aos iranianos. As políticas de Reagan para promover a democracia apoiaron a ditadores amigos dos Estados Unidos como Augusto Pinochet e Ferdinand Marcos a través de eleccións.
Porén, esas políticas non sempre resultaron na consecución dos obxectivos neoconservadores e por momentos deixáronnos xenuínas sorpresas. Curtis examina o goberno apoiado por Occidente do Shah en Irán e como a mestura dos ideais positivos e o ideario libertario de Sartre xunto coa filosofía relixiosa do xiísmo levou á revolución que o sacou do poder. Tendo sido previamente unha ideoloxía dócil de aceptación da orde social, na mente de revolucionarios como Ali Shariati e o aiatolá Khomeini, o islam revolucionario xií converteuse nunha significativa forza para derrubar a tiranía.
O programa revisa o goberno de Blair e o seu papel á hora de conseguir a idea dunha sociedade estable. Curtis argumenta que o goberno de Blair creou o contrario á liberdade, ao pór no centro da súa axenda un tipo de liberdade falta de significado. A súa intervención militar en Iraq provocara accións terroristas no Reino Unido e estes actos de terror foron usados de volta para xustificar restricións das liberdades no país. (Free Documentary)