Os praceres ocultos. Cine español 1973-1980 (e II)
Do 1 de novembro de 2005 ao 30 de novembro de 2005
No devir diacrónico da cinematografía española, os anos setenta están favorablemente determinados por unha progresiva ampliación do dicible. Por un lado, constitúen un espazo temporal caracterizado non só pola orixinalidade das súas propostas, algunhas practicamente inéditas até ese momento, senón tamén pola súa gran riqueza, tanto no que se refire á variedade de xéneros como á multiplicidade de perspectivas ideolóxicas que conviven no período. Como acontece en moitas épocas de convulsión social (axitación política, depresión económica nacional e internacional e crise sectorial da industria do cine) parece terse multiplicado a imaxinación. A crise (lexislativa, industrial) que atravesa o sector durante o período afecta de maneira considerable ao produto final; probablemente as películas máis interesantes do momento —e estas son ben numerosas— non teñan un acabado formal e técnico redondo, nin moito menos espectacular (especialmente en comparación co de decenios posteriores), pero en contrapartida están peculiarmente dotadas, polo menos nunha porcentaxe moi considerable, dunha poderosa creatividade artística.(…)
Ademais, unha sociedade que viviu amordazada ao longo de varias décadas de ditadura, vai tirar proveito do clima crecente de —tambaleante— liberdade. Os diferentes sectores sociais e políticos parecen experimentar unha urxente necesidade de formular discursos sobre todo aquilo que durante anos estivera reprimido ou se tivera que enunciar de maneira subrepticia, recorrendo á metonimia, á alegoría nalgúns casos e, noutros, directamente, ao ámbito da clandestinidade. Moitos sectores da cultura, do pensamento e da arte españois tiñan, por dicilo de maneira gráfica, verdadeiras carencias expresivas e parecía chegado o momento de desafogalas. (…)
Pero se tivésemos que resumir nun diagnóstico cal é o eixo conceptual sobre o que gravita principalmente o celuloide español da Transición máis avanzado desde o punto de vista intelectual, este sería o da busca da maneira de abordar a representación da Realidade, entendida esta no seu sentido máis amplo, que inclúe tanto a relación co hic et nunc como a indagación no mundo imaxinario e o subconsciente. Non estraña, pois, que encontremos neste marco da produción propostas que van desde documentais apegados ao terreo da loita político-social até textos alegórico-metonímicos nos que o referente real está cifrado no complexo universo da imaxinación.
Ademais, como consecuencia da situación política española, e como resaca ao mesmo tempo do aluvión contestatario europeo dos anos sesenta, a cultura e o cine experimentan durante esta época unha tremenda ideoloxización que se deixa translucir nas diferentes ofertas fílmicas.
(…) Pero a tendencia posibilista-pactista que progresivamente vai triunfando na praxe político social obterá a súa translación paralela nunha arte tan dependente da infraestrutura industrial como é o cinematógrafo. A partir deste momento, en medio do ciclón de cambios que vive a sociedade española, a nosa industria fílmica optará por marxinar progresiva e definitivamente as alternativas máis radicais, aquelas que se vinculan ás ondadas revolucionarias do 68 e que no noso país se concretaran no movemento sitgista que se remonta a outubro de 1967 e en intentos illados posteriores.(…)
O groso das cintas do período optará por unha presentación mixta "de compromiso" entre a súa vontade por facer asequible a súa mensaxe ao gran público e a asunción de fórmulas de representación maioritariamente realistas. Unha aposta mixta que se remonta aos equilibrios do Novo Cine Español e que se concreta nun primeiro intento, a comezos da década dos setenta e no ámbito do celuloide comercial, coa autodenominada "terceira vía" impulsada por José Luis Dibildos.(…)
A medida que avanzaban as liberdades democráticas, en definitiva, parecía ir crecendo esa tendencia irreversible cara á instauración da crónica inmediata da realidade nas pantallas, sen linguaxes dobres.(…)
Esta primeira singradura polo proceloso mar do cine da Transición pon de manifesto unha riqueza poucas veces igualada na historia do celuloide español. Iso explícase polas especiais circunstancias sociopolíticas polas que atravesaba un país que acababa de saír de corenta anos de escurantismo, pero tamén pola confluencia diacrónica que converte este período nun gonzo de xeracións de cineastas.
Javier Hernández Ruiz e Pablo Pérez Rubio, Voces en la niebla. El cine durante la Transición española (1973-1982), Paidós, 2004.
Baixo o título dunha coñecida película de Eloy de la Iglesia o CGAI presenta una mostra do cine español da Transición democrática, entendida esta desde o tardofranquismo (1973) até 1980, unha das épocas máis frutíferas, heteroxéneas e singulares da cinematografía española. A través dunhas vinte sesións preténdese trazar unha panorámica o suficientemente representativa das distintas tendencias fílmicas que coflúen neste período, concedendo boa parte do seu protagonismo ás producións máis radicais do documental e do underground (as máis descoñecidas e “ocultas” por parte do público), pero sen esquecer algún dos títulos máis emblemáticos do período (coa excepción de certos títulos de Borau ou Gutiérrez Aragón proxectados en datas recentes polo CGAI) e tamén algunhas das curtametraxes do incipiente cine galego.
Agradecementos: Javier Hernández, José Manuel Sande, Filmoteca Española, Pere Portabella, Video Mercury, Fernando Colomo PC, Paulino Viota, Figaro Films, Cinema X, Edmond Orts, Jet Films, Impala, Familia Artero, Víctor Ruppen.