Márta Mészáros
Do 1 de marzo de 2023 ao 20 de abril de 2023
Coetánea de cineastas como Věra Chytilová ou Agnès Varda, quen adoraba o seu cinema e coa que mantiña relación de amizade, Márta Mészáros conta cunha sólida filmografía dende os anos cincuenta e ata o 2017, cando dirixiu Aurora Borealis, o seu último filme. Foi a primeira muller en gañar o Oso de Ouro da Berlinale en 1975 con Adopción. As súas historias, narradas cun persoal virtuosismo estético, tratan a miúdo das problemáticas diarias das mulleres e, mesmo nas súas ficcións, contan cun forte compoñente documental. Sempre tivo clara a súa meta: “deixar constancia de forma honesta da era que me tocou vivir”. E en todo momento dende unha perspectiva crítica coas estruturas machistas e autoritarias do poder.
Realizadora sempre comprometida a documentar os cambios da súa sociedade a través da mirada e os sentimentos de mulleres que non se deixan amedrentar polas circunstancias, o seu cinema recolle ecos da Nouvelle Vague francesa e dos clásicos soviéticos cos que se educou. Facendo gala dunha exultante variedade de recursos cinematográficos, como coidadas e orixinais perspectivas ou precisos e epatantes movemientos de cámara; pode que nas súas fitas haxa dúas constantes estéticas que destaquen sobre as demais: a inserción do real en estruturas de ficción e o mimo que atesoura polos rostros.