Nove meses
Kilenc Hónap
Lili Monori, Jan Nowicki
- 94 minutos
Juli ten un traballo nunha fábrica de ladrillos, mais estuda a distancia para mellorar a súa posición. O seu xefe namora dela e comezan unha relación moi apaixonada. Ela oculta o feito de que ten un fillo froito dunha relación extramarital. Cando o seu amante, habitualmente violento e posesivo, o descubre, todo salta polos aires. Embarazada do seu segundo fillo, Juli debe decidir que facer.
O filme marca o inicio da colaboración entre Mészáros e dous dos seus actores fetiche. Lila Monori dá vida a Juli no que será o comezo dunha relación artística similar á que tiveron François Truffaut e Jean-Pierre Léaud a través da figura de Antoine Doinel. Aínda que Monori non encarnará sempre ao mesmo personaxe en filmes posteriores, o certo é que si se erixirá nunha sorte de alter ego de Mészáros en varias das súas producións. A Mészáros recomendáronlle a Jan Nowicki, quen xa traballara con Andrzej Zulawski e Jerzy Skolimowski e era moi reputado en Polonia, para o papel do amante. A conexión foi instantánea e mutua. Foron parella durante longo tempo e el acabaría traballando en case todos os seus filmes nos próximos trinta anos.
O que sorprende de Nove meses é de novo o seu verismo. Mészáros decidiu rodar con Monori mentres estaba embarazada e filmar o seu parto. Era a primeira vez que se facía nun filme de ficción. Isto escandalizou en Hungría e foi recibido cun positivo asombro en festivais internacionais, agrandando o prestixio de Mészáros. Premios en Berlín e Cannes.
- Ano:1976
- Países de produción: Hungría
- Guión: Márta Mészáros, Ildikó Koródy
- Fotografía: János Kende
- Montaxe: Éva Kármentö
- Produtora(s): Mafilm Studio 1