Vittorio De Sica
Do 9 de setembro de 2026 ao 29 de setembro de 2026
VITTORIO DE SICA: DO NEORREALISMO ÁS ESTRELAS
Vittorio De Sica é coñecido por ser un dos grandes autores do neorrealismo italiano, movemento que, xusto despois da Segunda Guerra Mundial, buscou capturar o pobre contexto da posguerra con autenticidade, rigor e contención. Tomando de exemplo certa tradición documental, habitualmente estes cineastas saen do estudio para rodar na rúa, con actores non profesionais e en situacións que parecen tiradas directamente da realidade.
Dos grandes autores do neorrealismo, De Sica posiblemente sexa o máis formalista e o que ata máis todo en guión, da man do seu fiel colaborador Cesare Zavattini. El entra sempre nos libretos, xunto a outros escritores na ecuación. Zavattini actúa como unha sorte de redactor xefe, acompañado de De Sica e os seus outros guionistas, en procesos que consisten sobre todo en compartir situacións con persoas nos lugares nos que van rodar. Destas experiencias e intercambios xorden escenas dramatizadas e estruturadas polo equipo, decotío interpretadas por esas mesmas persoas que foron, dalgunha maneira, entrevistando. Este método permite obter resultados auténticos.
Tanto El limpiabotas (1946) como El ladrón de bicicletas (1948), as súas dúas obras mestras desta época, responden a este esquema. Sobre todo a segunda, cun alcance internacional como ningunha outra fita do movemento, ten un impacto en cineastas de todo o mundo. O cinema documental dos cincuenta con conciencia social, en todas as esquinas do mundo, non pode entenderse sen El ladrón de bicicletas. O mesmo acontece con ficcións de todas as nacionalidades; a pegada de De Sica é indeleble e indiscutible en todas as esferas. Ata a chegada da Nouvelle Vague, non existe no planeta outro movemento cinematográfico, con el e Roberto Rossellini á cabeza, que cause tal seísmo.
Conforme avanza a posguerra, tamén o fai esta fórmula para evitar o estancamento artístico. En Milagro en Milán (1951) De Sica proba a introducir a fábula, o humor e o conto nunha situación de extrema pobreza. Así, consegue efectos satíricos onde antes só existía unha sacra aproximación, lóxica saídos da contenda bélica.
Umberto D. (1952) supón outro xiro pola maneira en que a perspectiva xira ao mundo interior do protagonista. É unha fita máis autorreflexiva, de corte filosófico, cando as primeiras tiñan un ataque máis directo á realidade. Supón a súa última gran incursión no neorrealismo.
O cinema italiano da altura estaba a mudar de maneira irremediable. Xa saído das peores consecuencias da guerra, o país está sumido nun desarrollismo que demanda uns tempos máis ledos. Xa non vende a crueza. Os produtores necesitan estrelas, e as marcas de publicidade que as mesmas saian nos seus anuncios. Hai que producir iconas. E o mercado non é só nacional, o mesmo espírito atópase entre os demais países aliados baixo a esfera do plan Marshall. O público demanda outra cousa. Comezan a aflorar as coproducións internacionais con caras guapas e coñecidas, en operacións transnacionais nas que mesmo nin o idioma que os actores falan importa, xa se fará dobraxe.
Nace así un tipo de cinema italiano-internacional, como ás veces se ten descrito, no que intérpretes galos como Alain Delon ou Jean-Paul Belmondo desembarcan en Italia; no que unha actriz española como Lucía Bosé, ou unha sueca como Anita Ekberg, poden ter unha carreira en italiano. E o contaxio é tamén cara o exterior. Marcelo Mastroianni convértese nunha estrela global con La dolce vita, de Federico Fellini, en 1960. No mesmo ano, Claudia Cardinali impresiona en Rocco y sus hermanos, de Luchino Visconti. E, quizais, o maior éxito, pola visibilidade que ofrece gañar un Óscar, Dos mujeres, pola que Sophia Loren consegue o galardón. O director? Vittorio De Sica.
Adaptado dunha novela de Alberto Moravia, era este un proxecto caro de De Sica e no que levaba xa un tempo traballando. Inicialmente pensado para o lucimento da gran Anna Magnani, o realizador propuxo adaptar a idade da protagonista para lle ofrecer o rol a Loren. Foi unha xogada mestra. O produtor que soubo ver este potencial foi Carlo Ponti, quen xunto con Dino De Laurentiis formou un dos dúos máis artísticos, lucrativos e internacionais da historia do cinema. Son os responsables de fitas como a comedia gañadora do Óscar Ayer, hoy y mañana (1963), do propio De Sica; a lendaria superprodución Doctor Zhivago (David Lean, 1965); ou o icónico filme de culto Blow-Up (Michelangelo Antonioni, 1966).
Neste novo esquema debe entenderse a carreira de Vittorio De Sica nos anos sesenta e setenta, o que non diminúe un ápice a súa excelencia artística e unha capacidade de decisión gañada a través do prestixio acumulado. Dous bos exemplos son Boccaccio '70 (1962) e Matrimonio a la italiana (1964), nos que volve colaborar con Sophia Loren. No primeiro, filme ómnibus con catro directores á fronte, pensado para maior lucimento das grandes estrelas do momento, consegue levar a encarga ao seu terreo cunha fábula ironicamente erótica que fai un gran uso da actriz. No segundo, que a une a Mastroianni, adapta unha peza teatral que o obsesionaba e funde a intérprete cos decorados de Carlo Egidi, nunha fita de querenza meta que deixa entrever a orixe escénica do proxecto nas súas decisións estilísticas.
De Sica seguirá a facer filmes ata mediados dos setenta, con Zavattini aínda no guión e Loren de estrela de maneira moi habitual, movéndose xa nestas dinámicas e arredado das súas iniciais aspiracións neorrealistas. En ambas as dúas etapas da súa carreira, deixou unha pegada profunda a nivel mundial. Un dos autores italianos máis relevantes de toda a historia do cinema.
El limpiabotas
Ladrón de bicicletas
Milagro en Milán
Umberto D.
Dos mujeres
Boccaccio ’70