Milagro en Milán
Miracolo a Milano
Emma Gramatica, Francesco Golisano, Paolo Stoppa, Guglielmo Barnabò, Brunella Bovo, Anna Carena
- 97 min.
Totò é un mozo orfo que, ao saír da institución na que se criou, acaba por integrarse nunha comunidade de chabolas ás aforas de Milán. Sempre ledo, o seu enxeño será a súa arma contra os intereses dos poderosos, que teñen plans de desenvolver un novo barrio no lugar onde vive con outros desarraigados coma el.
Filme neorrealista que retrata as duras condicións da Italia de posguerra. Faino porén sen grandes dramatismos, cun ton que se move entre o abertamente cómico e o realismo máxico, lonxe do que adoitaba ser habitual nesta corrente cinematográfica. Unha fita singular, que marcou o curso do movemento cara a novas direccións. Gañadora do Gran Premio de Cannes.
- Ano:1951
- Países de produción: Italia
- Guión: Suso Cecchi d'Amico, Adolfo Franci, Mario Chiari, Vittorio De Sica, Cesare Zavattini
- Fotografía: G.R. Aldo
- Montaxe: Eraldo Da Roma
- Produtora(s): Produzioni De Sica, ENIC
Sobre o filme
Vittorio De Sica
Naqueles anos, tras as primeiras películas do neorrealismo, sentín certa desorientación [...]. É dicir, antes plasmabamos na pantalla o momento que viviamos, naqueles días, naquel ano: a actualidade alimentábanos e dábanos forzas; xusto despois da guerra viviamos paixóns humanas ben definidas, moi claras. Logo, as paixóns cambiaron, afastabámonos dunha certa situación moral e unha especie de angustia oprimíanos: a ameaza dunha nova guerra, a maldade. [...] Da falta de solidariedade estabamos a nos deslizar cara ao odio. De aí, talvez, o impulso interno que nos levou cara ao conto de fadas como vía de evasión. Aínda que, no caso de Milagro en Milán, houbo tamén outro razoamento que nos estimulou a min e a Zavattini: temiamos que o neorrealismo se convertese nunha fórmula, e por iso fixemos este intento de aplicar o neorrealismo a todas as formas do espectáculo, e así tamén ao conto.
Vittorio De Sica, en conversa con Giuliano Ferrieri, L'Europeo, novembro de 1974.