Ladrón de bicicletas
Ladri di biciclette
Lamberto Maggiorani, Enzo Staiola, Lianella Carell
- 88 minutos
Antonio Ricci é un obreiro desempregado na Italia da posguerra que por fin atopa un bo traballo pegando cartaces pola cidade de Roma. Para este cómprelle unha bicicleta, e por desgraza o primeiro día róubanlla. Antonio e o fillo Bruno comezan unha busca desesperada para recuperala por toda a cidade, os dous saben que sen ela Ricci non poderá conservar o posto. Ladrón de bicicletas, obra mestra do neorrealismo italiano, é un duro testemuño da vida en Italia tras a Segunda Guerra Mundial. Trátase dunha película ateigada de actualidade, autenticidade e realismo. Interpretada por actores non profesionais que dotan os seus personaxes de dignidade na súa loita pola supervivencia.
- Ano:1948
- Países de produción: Italia
- Guión: Cesare Zavattini, Vittorio De Sica,Oreste Biancoli, Suso Cecchi D'Amico, Adolfo Franci, Gherardo Gherardi, Gerardo Guerrieri ; Luigi Bartolini (obra)
- Fotografía: Carlo Montuori
- Montaxe: Eraldo Da Roma
- Produtora(s): PDS
Sobre a preparación
Suso Cecchi d’Amico (guionista)
Saíase moito por aí. Víanse cousas que nos gustaban; anotabámolas. Existe un extenso diario de El ladrón de bicicletas, publicado por Zavattini nalgún sitio. Pero a película estaba toda escrita. Nacía na rúa e nacía na mesa de traballo: ambas as cousas. Por exemplo, o episodio da Santona. Era unha muller que estaba na Nomentana, xusto enfronte de Villa Torlonia. Fomos alí unha chea de veces; sentabamos alí e logo escribiamos a escena. Os guións deben escribirse pensando no director que os converterá en película. El ladrón de bicicletas estaba escrito para De Sica, pensando en De Sica. Quen sabe que faría outro! Por outra banda, é precisamente grazas a este contacto co director, discutindo e, talvez, criticando a súa estética, que o traballo de guión se volve máis apaixonante, menos mecánico. Eramos moitos guionistas en cada película, porque non nos dabamos importancia! Pensemos en El ladrón de bicicletas. Empezou con Zavattini e Amidei. Amidei retirouse porque non atopaba a película do seu agrado e daquela chamáronme a min. E fixémola nós: De Sica, Zavattini, Gerardo Guerrieri e eu. (...) Percorriamos a cidade para comprobar os lugares da acción e logo reuniámonos na casa de Zavattini ao redor dunha mesa, moi compenetrados.
Suso Cecchi d’Amico, en L’avventurosa storia del cinema italiano. Da Ladri di biciclette a La grande guerra, Franca Faldini, Goffredo Fofi (coord.), Edizioni Cineteca di Bologna, 2011.