Centenario Rafael Azcona
Do 3 de novembro de 2026 ao 19 de decembro de 2026
Rafael Azcona está considerado por moitos o mellor guionista que deu o cine español. Cunha marca de seis Goya, outra honorífica, o Premio Nacional de Cinematografía e a Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes, esta lenda da sétima arte patria modelou ducias de historias na gran pantalla entre finais dos cincuenta e inicios do século XXI, converténdose nun dos grandes narradores populares do noso tempo.
Sempre interesado en retratar a realidade española do presente e do pasado, a miúdo cun ton irónico e irredento, son as súas comedias moi recordadas polo que revelan das miserias e anhelos da sociedade ibérica tardofranquista. Con Marco Ferreri e Luis García Berlanga transitou por estes rexistros, movéndose de certa herdanza neorrealista á sátira social máis aceda en obras mestras como El pisito (1959), Plácido (1961) ou El verdugo (1963).
Estas pezas, dotadas dun férreo clasicismo na súa controlada estrutura e uns afiados diálogos, dan paso a unha etapa máis aberta ás aventuras formais do cine moderno cando traballa na Transición con Carlos Saura. Ao tempo, captura as actitudes duns novos tempos na sociedade española nas súas colaboracións con Pedro Olea, Luis Marquina ou Juan Estelrich. Todos estes filmes retratan os profundos cambios dos tardíos sesenta e dos setenta no paso á democracia.
Con ela xa instalada, as historias de Azcona, como é tendencia da cinematografía nacional no seu conxunto, volven a vista ao pasado. Con José Luis Cuerda e Fernando Trueba comporá Azcona algunhas das longametraxes que mellor teñen recuperado a memoria da Segunda República e da Guerra Civil.
Deste xeito, ao longo de cinco décadas Azcona foi quen de establecer unha traxectoria sen mácula e coherente que non só cobre case un século de historia en España, senón que marca o devir do cine español máis popular a través da súa colaboración con directores de primeira fila.
No seu centenario, dedicamos un novo ciclo ao autor, que xa ten sido proxectado en múltiples ocasións na filmoteca. Esta efeméride permítenos abordar a tarefa cun certo afán completista, intentando escoller filmes que nunca antes foron incluídos na programación. Así, esta escolma procura equilibrar algúns dos seus títulos máis emblemáticos, con outros menos coñecidos e que cómpre recuperar do esquecemento.
El pisito
El jardín de las delicias
El anacoreta