O CGAI abre as convocatorias para participar nos programas educativos que coordina no marco do Plan Proxecta. Os centros de ensino de Galicia poden solicitar participar en Cinema en curso, Cidadanía Dixital e Fotografía en curso, programas formativos que ao longo de todo o curso, en horario lectivo, traballan de xeito transversal co audiovisual na aula.
Os programas desenvólvense coma un traballo integrado na dinámica das aulas e introducen novas metodoloxías de ensino e aprendizaxe, situando os alumnos como protagonistas dos procesos, traballando de maneira transversal e globalizada, fomentando traballos cooperativos que integran a todo o alumnado e tomando como punto de partida situacións reais en base á aprendizaxe vivencial. Trabállanse especialmente as competencias lingüísticas, dixitais e artísticas, a posta en valor da contorna, a observación e a atención, a autonomía e a organización individual e colectiva.
O profesorado do centro recibe unha formación especifica para traballar cos alumnos na aula os contidos dos programa de xeito transversal e adaptándose ás súas necesidades.
Os destinatarios das convocatorias que se abren agora son centros de primaria, secundaria e formación profesional de toda Galicia que desexen participar, para o que se lles solicita a elaboración dunha memoria de proxecto que se pode consultar nas convocatorias:
- Acceso á convocatoria de Cinema en curso
- Acceso á convocatoria de Fotografía en curso
- Acceso á convocatoria de Cidadanía Dixital
Seleccionaranse un total de catro centros educativos en Cinema en curso, dez en Cidadanía Dixital e seis en Fotografía en curso, seguindo os criterios que figuran tamén nas ligazóns.