Esenciais: Stanley Kubrick
Do 21 de xaneiro de 2020 ao 27 de febreiro de 2020
Aproveitamos novas remasterizacións dixitais para proxectarmos unha parte substancial da filmografía dunha figura lexendaria no imaxinario das artes do século XX, Stanley Kubrick (1928-1999). Nos meses de xaneiro e febreiro poderemos gozar das proxeccións de Lolita (1962), 2001: una odisea del espacio (1968), La naranja mecánica (1971), Barry Lyndon (1975), El resplandor (1980), La chaqueta metálica (1987) e mais o título póstumo Eyes wide shut (1999).
O cineasta estadounidense representa, a través dun breve e esixente conxunto de filmes e malia as complexidades do sistema industrial, o triunfo da independencia, da liberdade creativa, do dereito á montaxe final do director. Dono dunha filmografía, trece longametraxes, en que cada pisada dada tería, especialmente desde a década dos 60, indiscutible protagonismo, Kubrick sobresae a un tempo como autor popular, prestixioso e influínte. E faino pola súa pericia narrativa, formal; polo seu dominio do ritmo e dos personaxes; pola elegancia visual; pola fina e erudita escolma musical, capaz de normalizar para sempre a Ligeti ou Bartok; polo rigor (“matemático”, como proclama Michel Ciment) e a pescuda ou o absoluto control de todas as partes do proceso de traballo. Características todas que contribúen a consagrar desde moi cedo a este autodidacta, axedrecista, fotógrafo xuvenil (revista Look) e lector compulsivo que viviría nos que consideraba os tres centros da produción cinematográfica en inglés: Hollywood (segunda parte dos anos 50), Nova York (a súa cidade natal) e Londres, onde se instalaría ad aeternum, e establecería fogar e centro de operacións a partir de Lolita.
A riqueza e variedade da obra de Kubrick plásmase moi concretamente. Así, se Senderos de gloria (1957) aparece como epítome do cine antibelicista, Espartaco (1960), ou a loita de clases na Roma imperial, adestra a Kubrick nas xerarquías de estudo e en rodaxes tan longas coma sufridas. Os seus filmes previos, onde se acostumou cal home orquestra, tiveron, ben unha concepción artesanal, ben medios afastados da gran produción. Atraco perfecto (1956) xa mostrou o talento do seu facedor. E as achegas sucesivas de Kubrick, xa sexa en trávellings laterais suntuosos, singulares efectos sonoros, proezas coa steadycam ou filmacións á luz das candeas, son trascendentes. Para Lolita, adaptación da novela de Vladimir Nabokov, en palabras de Michael Herr, impón o ton lírico-erótico desde a secuencia dos créditos iniciais, en canto 2001: una odisea del espacio transforma a relación na recepción do cine industrial, ofrecendo un trip audiovisual fixado en varias xeracións de cinéfilos, unha experiencia onde a subversión do cine de xénero, o espírito de vangarda mais tamén da ciencia, e a súa permanente capacidade de renovación tecnolóxica, penetran en medio dunha década convulsa. Mundos distópicos con controversias sonadas (La naranja mecánica) e recreacións de época con pulsións coherentes (o século XVIII de Barry Lyndon) atraen a públicos disímiles, tal é o grao de acontecemento social en que se converteu a súa obra. No Resplandor, tal e como reflexionaba Domènec Font, Kubrick xoga cos mecanismos e resortes do cine de terror abrindo as portas do cine contemporáneo, da posmodernidade fílmica. E aínda a revisión de Vietnam (La chaqueta metálica) ha mergullar o espectador noutro universo dual e escéptico, que retrotrae á paranoia e ao costumismo delirante de ¿Teléfono rojo? Volamos hacia Moscú (1964). E unha boa mostra de como a arte da ensoñación ou as tendencias oníricas na historia do cine poden perfilar robustos relatos é o núcleo de Eyes Wide Shut, arredada da narración convencional ata o extremo de poder suxerir un anacronismo nunca latente e unha negrura sorteada a modo de luminosidade testamentaria puntuada por Shostakóvich.
O autor apodérase dos materiais literarios de partida que adapta -algo omnipresente na súa obra- para darlles novas formas e perspectivas. Kubrick ten confianza absoluta na linguaxe e na posta en escena literaria, de aí a procedencia dos seus proxectos. Do mesmo modo que a disección dos (diferentes) microcosmos de poder -non escapa, claro está, a familia- son trazo esencial da súa filmografía, Kubrick fabrica ou trasládanos criaturas fílmicas, obsesivas, teimudas, que sempre están sometidas ás circunstancias, ou que directamente non dispoñen dos recursos ou información para sobrepasar a súa situación e realizar os seus obxectivos/desexos. A comprensión destes personaxes distánciase da presunta frialdade do realizador, un tema en si mesmo, xa que a propia análise da súa personalidade aparecerá dominada por unha manchea de lendas. Por esta e moitas outras razóns, o misterio Kubrick segue vigorosamente vivo; a súa obra afortunadamente tamén.