
2001: una odisea del espacio
2001: A Space Odyssey
Keir Dullea, Gary Lockwood, William Sylvester, Daniel Richter, Leonard Rossiter
- 139 minutos
O clásico de Kubrick narra a historia da humanidade vencellando as nosas orixes aos misterios do universo. Profundamente metafísica e sensorial, resulta difícil describir unha clara sinopse, mais os feitos centrais trasládannos a unha nave cun explorador espacial, tripulada pola intelixencia artificial HAL 9000.
- Ano:1968
- Países de produción: Estados Unidos, Reino Unido
- Guión: Stanley Kubrick, Arthur C. Clarke
- Fotografía: Geoffrey Unsworth
- Montaxe: Ray Lovejoy
- Produtora(s): Metro-Goldwyn-Mayer (MGM), Stanley Kubrick Productions
-
2001: una odisea del espacio, explicada paso a paso, por Emilio de Gorgot (Jot Down)
Análise das distintas tramas do filme de Kubrick. Sirva a xeito de carta de navegación.
Trailer do filme
Montaxe da restauración de 2014 que se pasa no CGAI
Stanley Kubrick. Filmografía completa
Paul Duncan
(Stanley Kubrick): “2001 é sobre todo unha experiencia visual e non verbal. Evita a verbalización intelectual e apela ao subconsciente do espectador, dende o punto de vista poético e filosófico. Por iso, a película é unha experiencia subxectiva que chega ao público nun nivel interior de consciencia, ao igual que a música ou a pintura”. (…) “Sempre crin que a ambigüidade artística e veraz, se é lícito utilizar este paradoxo, é a forma de expresión máis perfecta. A ninguén lle gusta que lle expliquen as cousas. Pensemos en Dostoyevski: é extraordinariamente difícil adiviñar a súa opinión acerca dos seus personaxes. Diría que a ambigüidade é o resultado de evitar verdades superficiais e convincentes”.
(…) Aínda que a película permite todo tipo de interpretacións, a obsesión de Kubrick pola minuciosidade e o detalle, xunto coa súa visión cinematográfica, levouno a investigar todos os aspectos dun futuro plausible para que parecese real. Para a produción, que en xuño de 1965 cambiou Nova York polos estudios que MGM tiña ao norte de Londres, había que estar ao día en canto aos últimos avances da carreira espacial. O ruso Andréi Leonov converteuse no primeiro humano en sucar o espazo o 18 de marzo de 1965, o Ranger 9 ofreceu por primeira vez miles de fotografías detalladas da Lúa e o norteamericano Ed White repetiu a fazaña de Leonov o 3 de xuño. O equipo da película visitou a NASA e as empresas que fabricaban as naves espaciais para as viaxes á Lúa coa finalidade de descubrir como eran e como funcionaban.
Porén, o maior reto que tivo que afrontar foi como describir cousas que nunca se viran. Para isto, reuniu un incrible equipo de expertos en efectos especiais. Cando el e Clarke visitaron a Exposición Universal de Nova York de 1964, Kubrick quedou tan impresionado por un documental da NASA titulado To the Moon and Beyond (“Ata a Lúa e máis alá”) que pediu á empresa responsable que se ocupase parcialmente da preprodución da súa película. Douglas Trumbull e Con Pederson acabaron por trasladarse a Londres e Trumbull realizou unha brillante carreira con traballos como Las naves misteriosas (1971), Encuentros en la tercera fase (1977) e Blade Runner (1982). A Kubrick tamén lle gustaron as nebulosas e constelacións do documental da National Film Board of Canada, Universe (“Universo”) (1959), polo que fichou o equipo de produción para 2001. Tamén volveu contratar a Wally Weevers, o responsable de efectos especiais de Teléfono rojo. ¿Volamos hacia Moscú?, que realizou o mellor traballo da súa carreira, e pediu ao veterano Tom Howard que repetise a maxia que creara para El ladrón de Bagdad (1940) e El espíritu burlón (1945) e moitas das longametraxes de ciencia ficción e fantasía dirixidas por George Pal. En total, esta colosal produción reuniu a 25 expertos en efectos especiais, 35 deseñadores e 70 técnicos.
(…) Logo do primeiro pase para os executivos de MGM, o cineasta fixo moitos cambios, mesmo despois da estrea. Moitos críticos e cinéfilos ficaron perplexos ante a fita e habería que agardar un mes para que o boca a boca xerase unha venda de billetes substancial. Pese ao seu custo, 10,5 millóns de dólares, a finais de 1972 recadara 31. Tamén lle valeu a Kubrick o único Óscar da súa carreira, o de efectos especiais. Dende a súa estrea, a película converteuse nun mito e a súa forza permanece inmutable ante o paso do tempo.
(Paul Duncan en Stanley Kubrick. Filmografía completa, Taschen, 2003, pp. 105-117)